A Xunta pon en valor a colaboración de entidades como AJE no deseño da nova Estratexia de emprendemento ligado ao territorio

Vigo, 18 de maio de 2026

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na inauguración do congreso Horizonte 27, organizado por AJE. Alí, destacou o programa que combinará relatorios, talleres especializados e espazos para compartir experiencias e establecer contactos profesionais, co propósito de reforzar a rede empresarial da contorna viguesa e abrir un punto de encontro entre persoas emprendedoras consolidados e novos proxectos.

Nese senso, o secretario xeral puxo en valor a colaboración de entidades como AJE na nova Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que terá como fío condutor a Rede de polos composta por 15 oficinas distribuídas por toda Galicia. A maiores de consolidar a presenza territorial desta Rede, búscase aproveitar o talento interno e o capital humano das persoas retornadas, garantir a remuda xeracional co foco posto no comercio e nos servizos de proximidade, mellorar a coordinación do ecosistema emprendedor galego, garantir financiamento adaptado e impulsar a cultura emprendedora, todo isto coa sostibilidade, igualdade e innovación como eixes transversais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2026