A Xunta e o Concello de Vilar de Santos avalían vías de colaboración a prol do desenvolvemento rural

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hoxe co alcalde da localidade ourensá, Marcos Nogueiras, para tratar varios asuntos no ámbito da mobilidade de terras ou os camiños rurais  

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse hoxe co alcalde do concello de Vilar de Santos, Marcos Nogueiras, para avaliar novas vías de colaboración en materia de desenvolvemento rural na zona, en concreto sobre o ámbito da mobilidade de terras ou os camiños.

Neste sentido, cómpre salientar que dende o ano 2020, destináronse algo máis de 160.000 euros a través das diferentes convocatorias do plan marco de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas, o actual Plan Camiña Rural. Estas achegas teñen como obxectivo ampliar, acondicionar e conservar a rede de camiños de titularidade municipal, mellorando así a calidade de vida da poboación rural.

Por outra banda, tamén analizaron o estado da zona de reestruturación parcelaria activa de Guillamil-Sabariz, que abrangue unha superficie de máis de 1.300 hectáreas e na que se levaron a cabo obras de mellora na rede de camiños secundarios da mesma, cun investimento duns 1,6 millóns de euros.

A maiores, tamén abordaron un posible proxecto vinculado ao desenvolvemento dun regadío para a zona que se quere impulsar a nivel local. A conselleira trasladoulle a súa vontade de remitir esta petición ao Goberno central.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2026