A Xunta licita por 7 M€ a compra de material para as probas analíticas que precisan os laboratorios da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

O obxectivo é dispor de sistemas coa maior sensibilidade e automatización para a realización das probas analíticas e cribado de axentes infecciosos no sangue das doazóns

Posibilítase así a análise de todas as doazóns de sangue rexistradas en Galicia, que supoñen arredor de 105.000 achegas anuais

O contrato licitado terá unha duración inicial de catro anos

Grazas á solidariedade da cidadanía, Galicia sitúase entre as primeiras comunidades en índice de participación, cunha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, tres puntos por riba da media estatal

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

O Portal de Contratos da Xunta publica, a licitación, por importe de 7.081.573 euros, do subministro do material necesario para a realización das técnicas analíticas que precisan os laboratorios de procesamento analítico da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS).

As empresas interesadas neste contrato, cuxa vixencia inicial é de catro anos, teñen de prazo ata o 23 de xuño para presentar as súas ofertas. O valor estimado do contrato elévase ata os 8.778.810 euros, atendendo á unha posible prórroga por doce meses máis.

A través desta licitación garantirase a subministración de sistemas, co máximo nivel de sensibilidade que é posible garantir na actualidade, para as probas analíticas e cribado de axentes infecciosos no sangue das doazóns recollidas por ADOS (hepatites B e C, VIH, virus do Nilo occidental, malaria, chagas, sífilia, etc.). Tamén comprende a realización  de probas que permitan a realización de técnicas de detección xenómica (NAT) simultánea dos virus das hepatites B e C e de VIH.

Polo tanto a través deste contrato garantirase a subministración sucesiva de reactivos, material funxible e cesión de equipamento principal e auxiliar, así como o seu mantemento, para a realización das determinacións analíticas requiridas ao estudo das doazóns de sangue, que se realizarán nos laboratorios da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, respectando os máis exixentes estándares de calidade e seguridade.

Máxima certificación de calidade

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, certificación ISO 31000 de Xestión do Risco, así como as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI).

A través deste contrato posibilítase o labor de análise de todas as doazóns de sangue rexistradas na comunidade, que supoñen arredor de 105.000 achegas anuais. Concretamente no pasado ano foron 105.337 doazóns, destacando os 9.275 doantes novos, o que reflicte o compromiso das novas xeracións co xesto solidario de doar.

Grazas á solidariedade da cidadanía, Galicia sitúase entre as primeiras comunidades en índice de participación, cunha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, tres puntos por riba da media estatal.

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) ten como fin actuar como un instrumento de xestión eficiente para asegurar a doazón voluntaria de sangue o procesamento, fraccionamento, almacenamento e o abastecemento de compoñentes sanguíneos e hemoderivados, así como a coordinación de transplantes de órganos e a obtención, procesamento, almacenaxe, distribución e implante de células e tecidos, aplicando os criterios de calidade vixentes na lexislación.-

Data de actualización: 19/05/2026