O sector forestal-madeira supera as 3.300 empresas e xa representa o 1,7 % do PIB galego
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, participou en Santiago xunto a outros representantes do Goberno galego na presentación do Informe da cadea forestal madeira 2025
É un dos sectores industriais máis importantes da Comunidade ao liderar a produción forestal en España cunha facturación de case 2.500 millóns de euros o anos pasado
Galicia consolídase así, como unha das principais rexións europeas máis avanzadas en mecanización de corta e extracción de madeira
No período 2018-2026 a Xunta destinou máis de 110 millóns de euros en axudas para este sector
Por outro lado, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, puxo en valor a relevancia do informe para obter un diagnóstico do sector e así avaliar as súas oportunidades de caro o futuro
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, destacou hoxe en Santiago, a achega económica e laboral do sector forestal-madeira que supera as 3.300 empresas e xa representa o 1,7 % do PIB galego.
Así o expuxo durante o acto de presentación do Informe da cadea forestal madeira 2025 elaborado en colaboración coa Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, na que tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.
Neste marco, Alfredo Fernández explicou que a cadea forestal-madeira se consolida como un dos principais sectores industriais da Comunidade ao liderar a produción forestal en España cunha facturación no 2025 de case 2.500 millóns de euros e ter presencia no 95 % dos concellos galegos.
Do informe, despréndese que o ano pasado, Galicia aproveitou case 11 millóns de metros cúbicos de madeira, o que supón máis do 50 % de toda a madeira aproveitada en España, afianzándose, deste xeito, “como unha das rexións europeas máis avanzadas en mecanización de corta e extracción”, sinalou.
En canto ao emprego, as catro ramas principais da cadea de valor (silvicultura e explotación forestal, industria da madeira, industria do papel e fabricación de mobles) suma máis de 19.400 afiliados na Seguridade Social; unha cifra á que habería que engadir os profesionais autónomos e todos aqueles e aquelas que teñen a afiliación vinculada a algunha das actividades restantes da cadea como a produción de enerxía, o transporte ou a construción. Segundo explicou o director xeral, “nalgúns municipios chega a representar ata o 50 % do emprego industrial, reforzando o seu papel no reequilibrio territorial”, dixo.
Por outra banda, no 2025 as exportacións superaron os 1.200 millóns de euros e o sector aportou máis do 4 % do comercio exterior e intracomunitario de Galicia o que demostra unha clara vocación internacional.
Ademais, apuntou que se trata dunha industria tractora para avanzar cara a descarbonización e a transición verde, posto que a madeira xoga un papel estratéxico como material clave para a transición ecolóxica.
Planificación estratéxica e apoios da Xunta
Durante a presentación do informe, o director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal sinalou que o Goberno galego está a estruturar a súa política forestal-industrial en base a dous instrumentos fundamentais e que son o Plan Forestal de Galicia e o Plan Director do Sector Forestal-Madeira que “busca reforzar a dixitalización, a sustentabilidade, a competitividade, a innovación, o investimento industrial e o talento”, dixo.
Neste sentido, o compromiso da Xunta coa industria forestal é claro. Mostra disto é que entre 2018 e 2026, o Goberno galego destinou 110,5 millóns de euros para axudas ó sector, o que supuxo un investimento inducido de 200 millóns.
Finalmente, o documento presentado hoxe pon en valor que este sector estabilizou a súa actividade en niveis altos, e se consolidou como unha industria estratéxica, exportadora, e intensiva na creación de emprego.
Importancia do sector forestal
Pola súa banda, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, destacou a importancia do sector forestal en Galicia, considerado un eido produtivo “estratéxico”. Neste sentido, puxo en valor a relevancia deste informe, tanto para a administración pública como para o ámbito empresarial, á hora de obter un diagnóstico do sector e así avaliar as súas oportunidades de cara o futuro.