Na entrega do premio do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna da catedral
Xosé Merelles pon en valor o apoio institucional da Xunta para mellorar a iluminación da contorna da Catedral de Santiago de Compostela
O director de Turismo de Galicia felicitou á empresa Interventio, promotora do proxecto ‘Hermes’ que acadou a maior puntuación outorgada por un xurado internacional integrado por prestixiosos arquitectos e expertos e iluminación
A actuación enmárcase nas iniciativas incluídas no Plan de Sostibilidade Turística de Destino de Santiago de Compostela, no que a Xunta inviste 1M€
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026
O director de Turismo, Xosé Merelles, felicitou esta mañá á empresa Interventio, gañadora do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna da Catedral de Santiago de Compostela co seu proxecto ‘Hermes’, que, en palabras de Xosé Merelles, “suporá un novo impulso ao atractivo turístico e cultural de Santiago de Compostela, ao converter a iluminación da contorna monumental da Catedral nun novo recurso da oferta urbana da cidade”.
A iniciativa forma parte da estratexia de renovación turística de Santiago de Compostela, impulsada a través dun Plan de Sostibilidade Turística dotado con 3 millóns de euros, financiados a partes iguais pola Secretaría de Estado de Turismo, o Concello de Santiago e Turismo de Galicia.
O proxecto premiado resultou gañador do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna da Catedral de Santiago de Compostela, cun total de 95 puntos outorgados por un xurado internacional de prestixio. Este destacou sobre todo a análise precisa da arquitectura e da contorna histórica compostelá, así como o deseño lumínico equilibrado, sostible e respectuoso co patrimonio.
Segundo o director de Turismo, trátase dunha actuación que “reforza a experiencia do visitante e contribúe a enriquecer a percepción da Cidade Histórica a través dunha intervención contemporánea, pero plenamente integrada no valor patrimonial de Santiago”. Xosé Merelles tamén tivo palabras de eloxio para os proxectos finalistas, “Ad maiora semper” e “Shh… See the silence”, que souberon interpretar a riqueza patrimonial da capital de Galicia.
A iniciativa conta cun investimento global de 860.110,22 euros e enmárcase no Eixo 3 do Plan de Sostibilidade Turística de Destino (PSTD) de Santiago de Compostela, centrado na renovación da iluminación do patrimonio histórico e na estratexia verde da cidade. O premio inclúe unha dotación de 100.000 euros e a execución dun proxecto piloto na Praza de Praterías, cun orzamento de 354.728,79 euros.
O xurado internacional estivo integrado por destacadas figuras da arquitectura, o urbanismo e a iluminación, entre elas o arquitecto británico David Chipperfield, a arquitecta Teresa Táboas, o experto en iluminación urbana Roger Narboni, a editora Esther Torelló e o catedrático Manuel Castiñeiras, ademais de representantes das administracións implicadas no PSTD.
A actuación chega nun momento no que Santiago consolida o seu papel como destino internacional. Ata a actualidade fixéronse entrega de máis de 121.000 compostelas, cun incremento do 3% con respecto ao mesmo período do ano pasado, das que o 68% corresponden a peregrinos internacionais.