A Xunta licita por 2,3 M€ a compra de vendas, apósitos, esparadrapos e microesponxas cirúrxicas con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 22 de xuño para presentar as súas ofertas

Trátase da quinta compra centralizada do Sergas deste tipo de material, o que suporá un aforro estimado de máis de 80.000 euros por cada ano do contrato

Todo este material sanitario resulta imprescindible e de consumo continuado en consultas, urxencias, hospitalización, quirófanos e unidades de apoio

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

O Portal de Contratos da Xunta de Galicia vén de publicar a licitación, por un importe de 2.330.459 euros, da contratación do subministro sucesivo de material sanitario: vendas, apósitos, esparadrapos, microesponxas cirúrxicas e outro material similar como tapóns nasais e produtos de tratamento crioterápico de verrugas, con destino ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

As empresas interesadas neste contrato, que ten unha duración de tres anos, teñen de prazo ata o 22 de xuño para presentar as súas ofertas.

O valor estimado do contrato elévase a 3,8 millóns de euros, atendendo a posibles prórrogas por outros dous anos máis.

Todo este material sanitario resulta imprescindible e de consumo continuado en consultas, urxencias, hospitalización, quirófanos e unidades de apoio.

Trátase da quinta compra centralizada do Sergas deste tipo de material,  o que suporá un aforro estimado de máis de 80.000 euros por cada ano do contrato.

Continuidade de coidados entre niveis

Este material está indicado para lesións traumáticas, intervencións cirúrxicas ou procedementos terapéuticos, así como con fins preventivos e protectores para evitar ou aliviar a dor, fricción, presión ou lesións articulares e cutáneas, con destino tanto aos pacientes de atención primaria como hospitalarios dos centros sanitarios do Sergas, procurando a continuidade de coidados entre niveis asistenciais.

Os esparadrapos e as vendaxes contribúen á estabilización de lesións agudas, proporcionando protección e soporte durante a fase de curación. Ademais, facilitan a inmobilización en patoloxía traumática e ortopédica incluíndo vendas de xeso e vendaxes compresivas; axudan á dor crónica e permiten terapias compresivas que favorecen a recuperación do tecido danado.

As vendaxes tubulares e extensibles permiten a suxeición segura de apósitos en distintas localizacións anatómicas, adaptándose aos contornos corporais.

No que atinxe aos apósitos, o contrato contempla unha ampla variedade que abrangue desde produtos destinados á protección de feridas superficiais ou postpuncións ata apósitos estériles para protección de catéteres, láminas de espuma para prevención de lesións por presión, tiras adhesivas para aproximación de bordes cutáneos e apósitos en aerosol para o recubrimento de pequenas feridas cirúrxicas limpas e secas.

Así mesmo, inclúense microesponxas cirúrxicas con contraste radiolóxico para absorción de fluídos e protección en procedementos cirúrxicos, tapóns nasais reabsorbibles para cirurxía otorrinolaringolóxica e produtos de celulosa para desinfección cutánea previa a procedementos.

Data de actualización: 20/05/2026