O titular de Sanidade informou esta mañá no Parlamento de Galicia das previsións de actuación do Goberno galego na sanidade pública do municipio

Gómez Caamaño urxe ao Concello de Cangas a axilizar a cesión dos terreos do CIS do Morrazo e facilitar un investimento da xunta de 15 M€ para mellorar a asistencia a toda a comarca

O conselleiro lamenta que o goberno municipal de Cangas leve oito anos bloqueando a construción dunha infraestrutura sanitaria de vangarda que permitirá gañar en accesibilidade e prestacións

O responsable autonómico remarca que a construción do novo Centro Integral de Saúde de Cangas levará aparellada unha importante ampliación da carteira de servizos sanitarios

Avanza que a Xunta xa está a tramitar a reversión ao Concello da parcela do Hío co fin de que os veciños poidan desfrutar dela

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, instou está mañá ao Concello de Cangas a desbloquear e axilizar de xeito definitivo a cesión dos terreos necesarios para a construción do novo Centro Integral de Saúde (CIS) do Morrazo, unha infraestrutura estratéxica na que o Executivo galego ten previsto investir 15 millóns de euros para mellorar a calidade asistencial de toda a comarca.

Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, Gómez Caamaño lamentou a parálise e a incapacidade de xestión do goberno local de Cangas, para poñer a disposición da Xunta a parcela necesaria para construír a nova infraestrutura sanitaria.

"Levamos agardando desde 2018 e estamos en 2026”, salientou o conselleiro de Sanidade ao tempo que criticou a demora do Concello de Cangas para realizar os trámites necesarios e así poder avanzar co proxecto. 

“O concello veciño de Moaña estreará moi pronto un novo centro de saúde e a petición de parcelas a ambos os municipios foi practicamente nas mesmas datas”, lembrou Gómez Caamaño.

Un modelo sanitario moderno fronte á fragmentación do pasado

O titular de Sanidade defendeu a planificación sanitaria da Xunta subliñando que esta xestión responde estritamente a "criterios técnicos e asistenciais" e que ten por obxectivo adaptar a atención médica ao século XXI. Neste senso, rexeitou o modelo proposto polo Goberno local ao responder a unha planificación das infraestruturas “de hai máis de corenta anos”, cando as necesidades sanitarias e as comunicacións eran totalmente distintas.

Ademais, informou de que a Xunta xa está a tramitar a reversión ao Concello de Cangas da parcela cedida no Hío co fin de que os veciños poidan desfrutar dela.

O conselleiro subliñou que o futuro Centro Integral de Saúde de Cangas suporá superar o antigo modelo de fragmentación e deslocalización para converterse nun centro de referencia dotado cunha carteira de servizos máis ampla.

Nesta liña, explicou que o novo centro sanitario contará cun Punto de Atención Continuada (PAC), áreas específicas de telemedicina e imaxe médica avanzada, áreas de rehabilitación e odontoloxía, áreas específicas de atención á muller e á saúde mental, ademais de novos servizos de radioloxía dixital e de laboratorio.

“Este modelo xa o implantamos en Lugo, en Vigo e en Lalín”, explicou o conselleiro en alusión aos centros integrais de saúde, remarcando que o obxectivo da Xunta é dotar á comarca do Morrazo dunha mellor atención sanitaria e unha maior confortabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026