Así o avanzou en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento
Gómez Caamaño avanza que antes de que remate o verán estará funcionando un equipo de hospitalización a domicilio en Verín
Subliña que o equipo se desprazará ás vivendas dos pacientes que se atopen no réxime de hospitalización, á vez que prestará coidados paliativos a domicilio
Avanza que a Xunta licitará este ano, cun investimento de 1,5 M€, a reforma das instalacións da parte antiga do edificio, xunto co traslado do hospital de día ás antigas urxencias e a reforma dos baños dos cuartos de hospitalización
Destaca a aposta da Xunta por este hospital comarcal, que se ve reflectida na construción da nova área de urxencias e PAC, cun investimento autonómico de preto de 5 M€ e máis de 1.400 m2 que melloraron os espazos
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe no Pleno do Parlamento que antes de que remate o verán o Servizo Galego de Saúde porá en funcionamento un equipo de hospitalización a domicilio en Verín.
Tal e como detallou o conselleiro, este equipo desprazarase ás vivendas dos pacientes que se atopen no réxime de hospitalización, á vez que prestará coidados paliativos a domicilio.
O máximo responsable do Sergas tamén referiu que o servizo de Medicina Interna do hospital conta actualmente con nove profesionais, dotación máis que suficiente para o seu funcionamento, o que posibilitará a posta en marcha do equipo de hospitalización a domicilio.
Tamén avanzou que a Xunta licitará este ano, cun investimento de 1,5 millóns de euros, o proxecto de reforma das instalacións da parte antiga do edificio, xunto co traslado do hospital de día ás antigas urxencias e a reforma dos baños dos cuartos de hospitalización.
Aposta polos hospitais comarcais
Na súa intervención no Parlamento, o conselleiro incidiu en que o Hospital de Verín é unha prioridade para a Xunta, porque “somos conscientes de que un dos nosos maiores activos son os hospitais comarcais”, achegando atención especializada aos veciños do rural.
Ao respecto, referiu o importante crecemento nos últimos anos do Hospital de Verín, tanto en infraestruturas, como en dotación de persoal e servizos. Así, a Xunta puxo en marcha a nova área de urxencias e PAC, cun investimento de preto de cinco millóns de euros e máis de 1.400 m2 que melloraron os espazos.
Xunto co anterior, de 2024 a 2025 o cadro de persoal de médicos deste hospital medrou nun 37,5 % con 15 novos profesionais. Estes especialistas permitiron reforzar áreas como anestesia, cirurxía xeral, traumatoloxía, oftalmoloxía ou medicina interna.
Gómez Caamaño sinalou, ademais, que os veciños da comarca de Verín agardan 56 días menos que a media de España para unha operación e 41 días menos que a media do Estado para unha consulta co especialista.
Ademais, o hospital comarcal ten numerosas consultas de especialidades con menos de 20 días de espera entre as que o titular de Sanidade citou cirurxía, endocrinoloxía, neuroloxía, hematoloxía, psiquiatría, rehabilitación, reumatoloxía e xinecoloxía.
Respecto de cardioloxía, o conselleiro explicou que a xubilación de dous profesionais desta especialidade do Hospital Universitario de Ourense tivo como consecuencia que non se poida trasladar un médico a Verín a pasar consulta. Gómez Caamaño agarda que estas vacantes se cubran axiña para poder restablecer as consultas in situ.