O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración respondeu no Pleno do Parlamento a unha pregunta relacionada coa fábrica da multinacional Nestlé en Pontecesures

A Xunta remarca o compromiso co emprego cualificado e de calidade en Galicia para potenciar a competitividade da industria

José González traslada a preocupación do Goberno galego ante o ERE anunciado pola multinacional Nestlé así como a solidariedade coas persoas traballadoras na planta que esta empresa ten en Pontecesures e que é clave para a economía do Baixo Ulla

Explica que desde que se comunicou o ERE, que é de ámbito estatal ao afectar a máis centros da empresa do país, o Executivo autonómico actuou con rapidez, con responsabilidade e con interlocución directa dentro das súas competencias

Salienta que a Xunta segue de xeito permanente a negociación e vai esixir que calquera proceso de reorganización estea vinculado a garantías de futuro, investimento industrial e máxima protección posible do emprego

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, remarcou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta coa xeración e mantemento dun emprego cualificado e de calidade en Galicia para potenciar a competitividade da industria. Así o sinalou no marco da resposta a unha pregunta relacionada coa fábrica da multinacional Nestlé en Pontecesures.

Neste contexto, trasladou a preocupación do Goberno galego ante o Expediente de Regulación de Emprego anunciado pola multinacional e tamén a solidariedade coas persoas traballadoras e coas súas familias. Máxime tendo en conta que a planta desta empresa en Pontecesures é estratéxica e conta con capacidade exportadora, cun elevado nivel de especialización industrial e cun peso fundamental para a economía do Baixo Ulla e para o conxunto do sector agroalimentario galego, subliñou.

En canto ao Goberno galego, expuxo que “desde o primeiro momento actuou con rapidez, con responsabilidade e con interlocución directa” dentro das súas competencias producíndose contactos directos coa compañía e co comité de empresa da planta de Pontecesures. Non obstante, explicou que se trata dun ERE de ámbito estatal ao implicar máis centros de traballo da xeografía do Estado e que ten “un marco legal taxado e unha negociación aberta entre empresa e representación sindical”.

Neste contexto, expuxo que a Xunta segue de xeito permanente a negociación e vai esixir que calquera proceso de reorganización estea vinculado a garantías de futuro, investimento industrial e máxima protección posible do emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026