Medio Rural constata que as cifras de contratación de seguros agrarios en Galicia son as máis altas da historia

A conselleira do Medio Rural reuniuse cos responsables de Agroseguro para avaliar cifras como o incremento de ata un 39 % das primas totais nos últimos cinco anos e dun 41 % no que atinxe ao capital asegurado no mesmo período

O sistema de seguros combinados en Galicia rexistrou no 2025 unhas primas totais por valor de 53 M€, cun volume de capital asegurado de 1.228 M€

A principal produción, por volume de primas, é o gando vacún de reprodución e produción, que no 2025 supuxo 27,76 M€ de primas e 776 M€ de capital asegurado, ofrecendo cobertura a máis de medio millón de animais asegurados

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

As cifras de contratación de seguros agrarios en Galicia, tanto de capital asegurado como de primas, son actualmente as máis altas da historia e medran dun xeito moi constante e equilibrado nos últimos anos. Así se puxo de relevo na reunión celebrada este mediodía en San Caetano entre a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e os responsables de Agroseguro.

Así, o sistema de seguros combinados en Galicia rexistrou no 2025 unhas primas totais por valor de 53 millóns de euros, un 9 % máis que o ano anterior e con ata un 39 % de crecemento no último quinquenio. O volume de capital asegurado chegou aos 1.228 millóns de euros, o que supón un 12 % máis en relación co 2024 e un incremento do 41 % no período 2021-2025.

A principal produción, por volume de primas, é o gando vacún de reprodución e produción, que no 2025 supuxo 27,76 millóns de euros de primas e 776 millóns de euros de capital asegurado, ofrecendo cobertura a máis de medio millón de animais asegurados. A continuación, destaca o seguro que compensa os gastos derivados da retirada e destrución de animais mortos na explotación.

Con respecto ao seguro agrícola, houbo un importante crecemento de superficie e produción aseguradas nos últimos anos. Desta forma, o incremento das primas totais foi do 39 %, ata chegar aos 3,3 millóns de euros no 2025, e o do capital asegurado chegou ao 73 % nos últimos cinco anos, ata os 110,3 millóns de euros no pasado exercicio. As principais producións aseguradas son o viñedo, o amorodo e froitos vermellos (arando) e os cultivos forraxeiros.

Incremento das subvencións públicas

Estes bos resultados van parellos ao incremento progresivo e sostido rexistrado nos últimos anos nas subvencións públicas. Así, no caso da Xunta pasouse dunha achega de 6,78 millóns de euros para esta finalidade no 2021 a 9,91 millóns no 2025, é dicir, unha suba do 46 %. Ademais, a suma da subvención do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e supuxo en 2025, de media, o 46,6 % do custo das primas do seguro, situándose exactamente na media nacional.

En relación coas indemnizacións, é dicir, coa cantidade que reciben os asegurados en caso de sinistro, na nosa comunidade eleváronse por riba dos 32 millóns de euros, con máis de 163.000 sinistros atendidos no exercicio de 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026