A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, clausurou as xornadas divulgativas sobre as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal celebradas hoxe en Santiago de Compostela
A Xunta crea un grupo de traballo coa Fegamp e o COAG para impulsar a simplificación da documentación na tramitación de licenzas urbanísticas
Allegue avanza que se traballa para “simplificar e dar maior seguridade tanto aos concellos como a particulares e poder reducir os tempos de tramitación administrativa, sen perder garantías e seguridade xurídica”
A conselleira puxo en valor a aposta da Xunta para modificar a regulación das ECCOM e a creación do rexistro destas entidades no marco das medidas impulsadas polo Goberno galego para axilizar a construción de nova vivenda
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
A Xunta crea un grupo de traballo coa Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e o COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) para impulsar a simplificación da documentación na tramitación das licenzas urbanísticas. Así o avanzou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, na clausura da xornada divulgativa sobre as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) promovida por Ecutecnia e celebrada hoxe na Cidade da Cultura en Santiago. A xornada foi inaugurada polo secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e tamén interveu o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta, Heriberto García Porto.
Allegue destacou a celebración deste encontro para poñer de relevo e o papel destas Entidades de Certificación na colaboración cos concellos para “axilizar, flexibilizar e simplificar”, garantindo a seguridade xurídica, a tramitación de licenzas urbanísticas. “É imprescindible acurtar tempos e reducir burocracia, e as ECCOM contribúen a acadar este obxectivo”, indicou.
A conselleira puxo en valor que, para impulsar este papel e darlle seguridade xurídica ás entidades e, no marco das medidas impulsadas para axilizar a construción de nova vivenda, a Xunta incorporou esta figura nas tramitacións urbanísticas mediante a modificación da Lei do Solo e o impulso do Decreto 60/2025 que regula as ECCOM.
Así, tras a modificación normativa adoptada en xaneiro do pasado ano, nas solicitudes de licenza urbanística que veñan acompañadas dun certificado ECCOM, dita certificación, ten a mesma validez e os mesmos efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais.
Deste xeito, como apuntou Allegue, os concellos teñen agora as Entidades de Certificación como apoio, “sen perder as competencias públicas, porque a súa intervención non elimina a potestade municipal de inspección, control e decisión”. “Esta medida non merma a capacidade dos concellos, todo o contrario, vén a apoiar ás entidades locais -afirmou-. Colaboramos cos concellos para dotalos de mecanismos de resposta máis inmediata”.
Colaboración
Para acadar esta regulación, a Xunta contou coa colaboración da Fegamp, do sector da construción e dos Colexios Profesionais, entidades coas que agora segue a cooperar na mellora das tramitacións dos títulos habilitantes en materia urbanística.
Neste eido, o grupo de traballo coa Fegamp e o COAG xa está a traballar para acadar a simplificación da documentación das comprobacións que deben realizarse nos procedementos de tramitación de licenzas. “Estamos a colaborar -afirmou Allegue- nun instrumento que simplifique, que aclare, que dea maior seguridade tanto para os concellos como para os particulares, instrumentos de axilización administrativa para reducir os tempos sen perder garantías e seguridade xurídica”.