A conselleira do Medio Rural participou na presentación da nova proposta gastronómica das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Ternera gallega e Vaca Galega/Boi Galego

María José Gómez define a Galicia como unha potencia cárnica a nivel de produción e pola calidade certificada

A titular de Medio Rural subliñou que a nosa comunidade é a segunda de España en produción de carne de vacún, só superada por Castela e León, e representa máis da metade do valor económico das carnes de vacún con selo

Remarcou que este éxito débese ao esforzo do sector e tamén ao apoio das institucións, que se plasma con achegas ao Consello Regulador e aos produtores

Salientou que grazas a iniciativas como esta a carne galega chega cada vez máis e mellor aos profesionais e aos consumidores e considerou a nova proposta gastronómica destas IXP como unha forma moderna de poñer en valor o produto

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

 A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, definiu hoxe a Galicia como unha “potencia cárnica”, xa que é a segunda comunidade autónoma produtora de carne de vacún en España, só superada por Castela e León. Ademais, neste mesmo sentido, subliñou que Galicia representa máis da metade do valor económico das carnes de vacún con selo de calidade.

A titular de Medio Rural participou na presentación da nova proposta gastronómica das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Ternera Gallega e Vaca Galega/Boi Galego, que tivo lugar na sede do Consello Regulador e na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director xeral da PAC e do Control da Calidade Alimentaria, Juan José Cerviño; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Na súa intervención, María José Gómez puxo en valor o traballo “de moitas persoas ao longo de toda a cadea de valor” que fan posible o éxito da carne galega. Así, referiuse tanto aos produtores como á distribución e á hostalería, ata chegar ao consumidor final. Asemade, agradeceu o labor dos consellos reguladores, no que atinxe ao control, á certificación e á garantía de calidade do produto. Nesta liña, lembrou que a IXP Ternera Gallega foi unha das primeiras indicacións de carne de vacún recoñecidas na Unión Europea. Despois, engadiu, chegaría Vaca-Boi galego, para facer “o binomio cárnico perfecto”.

Recoñecemento internacional

Neste sentido, puxo tamén de relevo a importancia das razas autóctonas gandeiras, “que son moito máis que simples produtoras, xa que forman parte da nosa identidade”. Algo que, sinalou, “fai única a nosa carne” cun sabor e textura polos que é recoñecida internacionalmente.

Todo isto é posible, segundo valorou a conselleira, grazas a “moito esforzo” e tamén ao apoio das institucións, que se plasma en achegas anuais ao Consello Regulador, así como tamén aos produtores “ante momentos difíciles”, remarcou.

A maiores, a titular de Medio Rural salientou que grazas a espazos e iniciativas como esta presentación, o produto chega cada vez máis e mellor aos profesionais e aos consumidores, e considerou a nova proposta gastronómica destas IXP como “unha forma moderna e efectiva de poñer en valor o produto”. Nesta liña, afirmou que “non hai mellores embaixadores que os chefs”, que constitúen “parte esencial desde cambio de mirada co que hoxe se entende a gastronomía galega e a versatilidade dos nosos produtos”.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2026