Belén do Campo anuncia a licitación por máis de 181.000 euros das obras da renovación da cuberta do CEIP Virxe do Portal en Sobrado
A representante do Goberno autonómico visitou hoxe o centro educativo para anunciar esta actuación, que contará cun prazo de execución de 3 meses.
Sobrado (A Coruña), 21 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Santiago Freire, visitou esta mañá o CEIP Virxe do Portal de Sobrado para anunciar a licitación dunha renovación integral da súa cuberta que conta cun investimento total de máis de 181.000 euros “Con esta intervención o centro educativo continuará avanzando na mellora das súas instalacións co obxectivo de garantir unhas condicións máis seguras, confortables e eficientes para toda a comunidade escolar”, destacou a delegada. No transcurso da visita Belén do Campo tamén mantivo unha reunión de traballo con alcalde de Sobrado, Lisardo Santos e co director e o presidente da Ampa deste centro educativo.
Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou que esta intervención “forma parte do compromiso da Xunta de Galicia coa conservación e modernización dos centros educativos públicos, apostando por espazos máis sostibles e adaptados ás necesidades actuais do alumnado e do persoal docente”. Este centro conta con 69 alumnos de educación infantil e primaria e participa en programas como Xogade, no PAVD (proxectos de vida activa e deportiva), Plan proxecta Xacobeo ou os polos creativos.
As actuacións a realizar terán un prazo de execución de tres meses e centraranse fundamentalmente na mellora da cuberta e do illamento do edificio, permitindo reforzar tanto a protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas como a eficiencia enerxética do inmoble.
En concreto, acometerase a substitución da cuberta existente por unha nova cuberta de fibrocemento sen amianto e cubrición de tella cerámica curva, actuando sobre unha superficie total de 828 metros cadrados.
No marco desta intervención tamén se levará a cabo unha importante mellora do illamento térmico da cuberta mediante o tendido de material illante sobre o forxado, actuando sobre unha superficie de 790 metros cadrados de illamento interior
Esta actuación permitirá renovar completamente un dos elementos estruturais máis importantes do edificio, mellorando a súa durabilidade e seguridade.
Ademais, renovaranse os sistemas de evacuación de augas pluviais mediante a substitución de 95 metros de canalón e 94 metros de baixantes por novos elementos de chapa galvanizada e PVC, materiais máis resistentes e axeitados para garantir un correcto funcionamento e conservación da infraestrutura.
Esta intervención contribuirá a mellorar o confort térmico nas aulas e espazos comúns, así como a reducir o consumo enerxético do centro.
Plan Nova Arquitectura Pedagóxica
A delegada da Xunta subliñou que “seguimos traballando dentro do plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para que os centros educativos conten con instalacións modernas, eficientes e seguras, mellorando o día a día do alumnado e dos profesionais da educación”.
Finalmente, sinalou que estas actuacións se enmarcan na estratexia da Xunta para continuar impulsando a renovación e actualización das infraestruturas educativas en toda Galicia, dando resposta ás necesidades presentes e futuras da comunidade educativa.