O delegado territorial da Xunta e o director xeral de Defensa do Monte participaron no simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia, nivel 2
A Xunta e as demais administracións consolidan a súa coordinación na loita contra os incendios forestais na provincia de Ourense
Manuel Pardo salientou que tras unha campaña moi complicada, como foi a do ano pasado, “fixemos obviamente unha análise profunda co obxectivo de seguir reforzando o noso dispositivo de prevención e loita contra os incendios forestais e orientalo a este tipo de novos lumes”
Pola súa banda, Manuel Francisco puxo en valor o dispositivo da Xunta como unha referencia a nivel nacional e internacional tras anos de mellora e innovación continuada
O simulacro comezou ás 11,00 horas coa activación do Peifoga de dúas situacións 2 pola simultaneidade de dous incendios forestais no Casal, concello de Cortegada e Riocaldo, no concello de Lobios, constituíndo o CECOP e o PMA
O Pladiga deste 2026 incorpora melloras a todos os niveis na prevención, na vixilancia e tecnoloxía e na extinción; ao mesmo tempo que se fomenta a implicación da sociedade nesta loita, que é de todos
Ourense, 21 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, participaron esta mañá no simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga) e o seu paso a situación 2 por dous incendios forestais no Casal, concello de Cortegada; e Riocaldo, no concello de Lobios.
O delegado territorial salientou que tras unha campaña moi complicada, como foi a do ano pasado, “fixemos obviamente unha análise profunda co obxectivo de seguir reforzando o noso dispositivo de prevención e loita contra os incendios forestais e orientalo a este tipo de novos lumes: máis grandes, máis imprevisibles no comportamento e que afectan de xeito directo a núcleos de poboación”.
Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, puxo en valor o
O simulacro
Con este exercicio, que se vén desenvolvendo na provincia de Ourense, promovido pola Xunta dende hai 10 anos, trátase de simular unha emerxencia provocada por varios incendios forestais para avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do Peifoga, cuxa activación depende da Consellería de Presidencia, serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) da Consellería do Medio Rural.
O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, como informar á poboación das medidas de autoprotección e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos distintos grupos operativos e grupos de control das distintas administracións.
A actividade realizada hoxe requiriu a constitución de centros de mando e control -o Centro de Coordinación Operativa (CECOP), Sala de Control Operativo (SACOP), Centros de Coordinación de Medio Rural e dous Postos de Mando Avanzado (PMA)- e a activación do seus correspondentes Puntos de Recepción de Medios (PRM).
Deste xeito, o simulacro comezou ás 11,00 horas coa activación do Peifoga de dúas situacións 2 pola simultaneidade de dous incendios forestais no Casal, concello de Cortegada; e Riocaldo, no concello de Lobios. Coa declaración de situación operativa 2 por risco para as persoas constitúense o CECOP e PMA e actívase o PRM para mobilizar os medios necesarios, ademais de facer avisos de confinamento á poboación. Unha vez controlado o incendio desactivouse a situación 2 e finalizou o exercicio.
Participantes
Participaron técnicos e axentes forestais e medioambientais, oito brigadas a Unidade de Directores de Extinción da Xunta (UDEX), a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e seis motobombas, así como efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Ribadavia, Lobios e Muíños; bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova e de San Cibrao das Viñas e Fundación Pública de Galicia Urxencias Sanitarias 061. Tamén se contou coa UME.
No que se refire ao apoio loxístico e de seguridade colaboraron efectivos de forzas e corpos de seguridade -Unidade de Policía Nacional Adscrita a Galicia (UPA), Garda Civil, Policía Nacional, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Lobios, Entrimo, Verín e Cortegada. O Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) e a Cruz Vermella de Galicia.
Ademais da extinción, neste simulacro, os participantes adestraron actividades como a realización de cortes de estradas ou a elaboración dunha mensaxe a través do sistema ‘Es Alert’ con medidas de protección á poboación.
Pladiga 2026
O Pladiga deste 2026 incorpora melloras a todos os niveis: na prevención, na vixilancia e tecnoloxía e na extinción; ao mesmo tempo que se fomenta a implicación da sociedade nesta loita, que é de todos. É necesario a máxima colaboración cidadá; tanto a nivel preventivo para ter ben xestionadas as faixas secundarias, dado que telas limpas de biomasa e libres de especies prohibidas é fundamental para protexer os núcleos en caso de incendio, e tamén a nivel de detección. Neste sentido, este ano porase en marcha, como novidade, unha app que complementa o teléfono 085.
Ademais, a actualización do Pladiga contempla a ampliación das cámaras de videovixilancia (un 30% máis), pasando de 181 a 241; a incorporación da Intelixencia Artificial ao sistema de xestión; a entrada en servizo de tres drons de vixilancia de última xeración; a incorporación de 42 novas brigadas, de catro compoñentes cada unha, pensadas especialmente para a tempada de alto risco; o reforzo da Unidade de Directores de Extinción, especializada en grandes incendios forestais, cunha ampliación de prazas (de 6 a 15); a incorporación de máis medios aéreos ao dispositivo coa contratación de dous novos avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado e a suma de 16 novos bulldózeres para labores preventivas e tamén de extinción aos 18 lotes de maquinaria pesada xa despregada.
No eido formativo, seguirase a traballar na formación do persoal do SPIF, empregando o CILL de Toén como centro de referencia. De cara á prevención, e a maiores do convenio con Seaga para as faixas secundarias, ampliarase a superficie de cortalumes, faixas auxiliares, pistas forestais ou queimas prescritas, traballos que se fan desde os diferentes distritos forestais cun obxectivo neste 2026 de chegar ás 34.000 hectáreas.
Axudas e actuacións de recuperación
Tras a vaga de incendios forestais do ano 2025, a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, xa tramitou máis de 800 axudas, por un importe de máis de 7,5 M€; unha prioridade para o Goberno galego que puxo en marcha ata oito liñas de apoio para as explotacións gandeiras, agrícolas e forestais, que cobren o 100% do investimento, con límites que poden chegar ata 200.000€ por beneficiario nalgunha liña.
Ademais, nos primeiros días desta vaga de incendios implementouse un servizo de emerxencia para proveer de alimentación ás gandarías afectadas, que facilitou toneladas de produto de balde en coordinación cos concellos.
Así mesmo, a Xunta actuou xa tralos incendios en máis 6.300 hectáreas para a retirada de madeira e protección dos solos e na mellora de 100 kms de pistas forestais. Os traballos realizados pola Consellería para a restauración e recuperación do monte trala vaga de lumes do 2025 consistiron en labores nos solos, mellora de infraestruturas e retirada de madeira, e desenvolvéronse tarefas de consolidación de solos e redución da escorrentía coa técnica do ‘mulching’ en áreas prioritarias identificadas polo CSIC en Ourense e Lugo.