Medio Rural inviste máis de 197.000 euros en tres pasteiros nos concellos de Bande e Lobeira
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comprobou os traballos realizados e destacou que estas accións contribúen ao desenvolvemento rural, favorecen a conservación da biodiversidade e axudan a previr incendios
En Bande, foron algo máis de 105.000 euros para os pasteiros nos montes veciñais en man común de Lamas de Mourijos, Chairo e Vieiro; e no de Xesteira de Corvelle
En Lobeira, o do monte de Veloso, Coroa e Bragadas, da comunidade de Parada do Monte, contou cun orzamento de case 92.000 euros para a súa execución en 24,35 hectáreas
Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros
Bande (Ourense), 21 de maio de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou hoxe os concellos de Bande e Lobeira nos que se executaron tres pasteiros cun investimento de máis de 197.000 euros. Alí, destacou que este tipo de actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural e redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais a través dunha actividade como é a gandaría en extensivo.
No caso de Bande, desenvolvéronse dous pasteiros no monte veciñal en man común de Lamas de Mourijos, Chairo e Vieiro, propiedade da comunidade de Sarreaus; e no de Xesteira de Corvelle. Xuntos supuxeron un investimento de algo máis de 105.000 euros nunhas 10 hectáreas de terreo. As actuacións consistiron, no primeiro, na instalación dun peche gandeiro de 1.500 metros e de cinco cancelas; e en tarefas de roza, pase de grada pesada, e abonado e sementado, entre outros labores. No segundo, construíuse un peche de 926 metros e instaláronse dúas portas.
Por outra banda, en Lobeira traballouse no pasteiro de Veloso, Coroa e Bragadas, que abrangue unha superficie de 24,35 hectáreas e o cal pertencen á comunidade de montes de Parada do Monte. Nel instalouse un peche de 1.400 metros, unha captación e condución de auga e unha manga de manexo; colocáronse dous pasos canadenses e un bebedoiro para gando vacún; e construíuse un galpón.
Plan de pastos de Galicia
A creación destes pasteiros enmárcase dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros.