A Xunta celebra o regreso do Celta Femxa Zorka á liga feminina Endesa

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu o equipo vigués para felicitalo polo seu ascenso á máxima categoría do baloncesto español

Destacou a fortaleza do baloncesto feminino galego, que volverá contar con tres equipos na elite a vindeira tempada

Vigo, 21 de maio de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, recibiu o Celta Femxa Zorka para felicitalo polo seu ascenso á Liga Feminina Endesa de baloncesto. Durante o encontro, o conselleiro recoñeceu o mérito dun equipo que, nunha soa tempada, conseguiu regresar á máxima categoría do baloncesto español.

Diego Calvo destacou que a presenza do Celta Femxa Zorka xunto ao Baxi Ferrol e ao Durán Maquinaria Ensino converterá a tempada 2026-2027 nun curso histórico para o deporte galego, ao volver situar tres equipos da comunidade na máxima categoría do baloncesto feminino español. O conselleiro incidiu na fortaleza do baloncesto feminino galego e na capacidade do club vigués para combinar experiencia e novas incorporacións, superar dificultades e manter intacta a ambición ao longo de toda a tempada.

O conselleiro subliñou tamén durante a recepción o valor colectivo do éxito acadado. Así, salientou o traballo conxunto das xogadoras, do corpo técnico, da directiva e da afección como unha das claves do ascenso e tivo unha mención especial para a xogadora Jessica Kelliher, recoñecida como MVP da tempada regular na Liga Feminina Challenge.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026