O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na inauguración dunha xornada sobre responsabilidade social empresarial organizada por Vegalsa–Eroski

A Xunta avoga por crear redes de colaboración coas entidades e o tecido empresarial para favorecer a inclusión das persoas máis vulnerables

Galicia conta cun plan e unha estratexia autonómica para loitar contra a pobreza e a exclusión social, ambos con horizonte 2030

Oleiros (A Coruña), 22 de maio do 2026

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, sinalou hoxe a importancia de crear redes de colaboración e de alianza entre as Administracións públicas, as entidades de iniciativa social e o tecido empresarial para favorecer a inclusión das persoas e colectivos da poboación máis vulnerables. Fíxoo na inauguración da novena edición da Xornada de Responsabilidade Social Empresarial de Vegalsa–Eroski.

Arturo Parrado apuntou que en Galicia a loita contra a pobreza e a exclusión social é unha das prioridades do Goberno galego, tal e como se recolle no Plan Estratéxico de Galicia e a Estratexia de Inclusión Social, ambos con horizonte 2030. Tamén destacou o orzamento de máis de 130 millóns de euros que o seu departamento destina este ano a políticas de inclusión social.

Na súa intervención, o director xeral puxo en valor a profesionalidade e compromiso do terceiro sector, cuxa proximidade coas persoas ás que atende é clave para coñecer as súas necesidades e favorecer a súa inclusión. Tamén destacou o cada vez maior compromiso do tecido empresarial galego neste ámbito, a través de colaboracións coas entidades en aspectos tan importantes como a cobertura das necesidades básicas, coa aposta pola contratación de persoas vulnerables ou coa promoción do voluntariado corporativo.

Nesta xornada de Vegalsa–Eroski  participaron representantes de Amicos, da Fundación ENKI, de Down Coruña, da Fundación Hospitalarias de Betanzos, a Asociación Fraternidade e a Fundación SIFU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026