O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reuniuse en Madrid coa secretaria xeral de Formación Profesional, Esther Monterrubio
A Xunta reclama ao Goberno máis flexibilidade nos fondos de formación para impulsar unha experiencia piloto de microformacións con clústeres sectoriais
José González reitera a demanda de rachar coa rixidez destes fondos transferidos ás CCAA e solicita que unha parte deles se poida empregar para que o tecido produtivo adapte a formación ás súas necesidades de cualificación, co foco nos graos oficiais A
Incide en que o actual marco vixente dificulta o despregamento destas iniciativas nas que Galicia conta cunha experiencia de éxito no eido das formacións de carácter non formal e financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia
Concretamente, na última edición esta actuación permitiu formar a través dos propios sectores arredor de 17.000 persoas nos ámbitos da automoción, as enerxías renovables, o metal ou as TIC
Tamén traslada a necesidade de que o Estado actualice as contías das bolsas e axudas destinadas ás persoas desempregadas participantes en accións formativas, que levan 18 anos sen revisión, malia os cambios no contexto socioeconómico
Enmarca estas propostas na aposta da Xunta por un modelo de formación para o emprego máis útil, flexible e conectado co mercado laboral, baseado na colaboración coas empresas e orientado á mellora da inserción laboral
Madrid, 22 de maio de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo esta mañá un encontro coa secretaria xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, Esther Monterrubio, no que reclamou ao Goberno maior flexibilidade na xestión dos fondos de formación para impulsar unha experiencia piloto de microformacións formais de Grao A con clústeres estratéxicos galegos, unha iniciativa que na actualidade non permite o marco vixente.
Concretamente, o conselleiro trasladou a proposta de que unha parte dos fondos finalistas transferidos ás comunidades autónomas poida empregarse para que o propio tecido produtivo adapte a formación ás súas necesidades de cualificación, apostando por accións formativas breves e áxiles que permitan avanzar na cualificación e recualificación da poboación activa. A este respecto, sinalou que Galicia xa conta cun caso de éxito nesta liña, financiado con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e centrado nese caso en formacións de carácter non formal. Este modelo permitiu, na súa última edición, capacitar arredor de 17.000 persoas mediante microformacións deseñadas directamente polos sectores produtivos, entre eles a automoción, as enerxías renovables, o metal ou as TIC.
González incidiu, non obstante, en que a actual rixidez na xestión dos fondos finalistas dificulta o despregamento deste tipo de iniciativas, especialmente no relativo á obrigatoriedade de impartición exclusiva por entidades acreditadas ou ás restricións á subcontratación, o que limita a participación directa dos clústeres e axentes sectoriais na organización e coordinación das accións formativas. Así mesmo, puxo de relevo que estas restricións non se axustan nin á realidade do tecido produtivo galego nin ás recomendacións da Unión Europea, que avoga por sistemas máis flexibles, áxiles e adaptados ás necesidades reais das empresas e das persoas traballadoras.
Na reunión, o titular de Emprego tamén trasladou a necesidade de que o Estado actualice as contías das bolsas e axudas destinadas ás persoas desempregadas participantes en accións formativas, que levan 18 anos sen revisión, malia os cambios no contexto socioeconómico, e que na actualidade non cobren os custos reais de desprazamento nin as diferenzas derivadas da dispersión territorial de Galicia, o que dificulta o acceso á formación en igualdade de condicións.
O Executivo galego puxo tamén o foco na conveniencia de incrementar o financiamento das horas prácticas que as empresas destinan á formación, co obxectivo de mellorar a implicación do tecido produtivo e reforzar a eficacia das accións formativas.
Redeseño das políticas activas de emprego
José González enmarcou estas propostas na aposta da Xunta por un modelo de formación para o emprego máis útil, flexible e conectado co mercado laboral, baseado na colaboración coas empresas e orientado á mellora da inserción laboral e á adaptación constante das competencias profesionais ás necesidades dos sectores produtivos.
Neste contexto, cómpre destacar que a Xunta vén de redeseñar completamente a orde de Accións Formativas para Persoas Desempregadas (AFD), dotada con 60 M€ tras a recente ampliación de crédito de 20 millóns, así como outras ferramentas á carta como Galicia Suma Talento (8,5 M€) e os Bonos Talento Empresa (2,2 M€), cuxa convocatoria se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Ademais, xa está en vigor o novo decreto de microcredenciais para o traballo.