Gómez Caamaño lamenta a falta de capacidade da ministra de Sanidade para acordar o fin das folgas contra o Estatuto Marco, que levaron á suspensión de máis de 237.000 actos médicos en Galicia

Só no que vai de semana tiveron que suspenderse no Servizo Galego de Saúde 725 cirurxías, 20.199 consultas hospitalarias, 4.964 consultas de atención primaria e 2.252 probas diagnósticas

Fronte á inacción da ministra, a Xunta foi quen dialogar cos sindicatos médicos e este mesmo mes acordou o aumento progresivo do importe das horas de garda, subas retributivas para o persoal MIR ou o avance cara á voluntariedade das gardas

O conselleiro censura que o Ministerio de Sanidade tampouco respectase o diálogo coas comunidades autónomas á hora de modificar o copago farmacéutico

A falta de planificación da reforma, acordado sen orzamento e sen criterios definidos polo Goberno central, provoca problemas na xestión do financiamento das receitas que realizan as comunidades, que están pendentes de información do Ministerio

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, censurou esta mañá a pasividade da ministra de Sanidade ante as folgas médicas contra o Estatuto Marco que promove o Goberno central, que en Galicia xa supuxeron a suspensión de 237.641 actos médicos desde decembro. 

O titular da carteira sanitaria da Xunta participou esta mañá, de xeito telemático, na reunión do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Gómez Caamaño lamentou que no Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde non estivese como punto da orde do día o principal problema que ten agora mesmo o sistema nacional de saúde, que é os paros médicos contra o Estatuto Marco. 

Trasladou, a este respecto, que a falta de interese do Ministerio de Sanidade por atender as peticións do persoal médico están a motivar novos paros que prexudican os pacientes. Só no que vai de semana en Galicia tiveron que suspenderse 725 cirurxías, 20.199 consultas hospitalarias, 4.964 consultas de atención primaria e 2.252 probas diagnósticas.

Acordos en Galicia

O Servizo Galego de Saúde acadou, este mesmo mes, un novo acordo para mellorar as condicións do persoal médico de Galicia que supón o aumento progresivo do importe das horas de garda ata equiparala á hora ordinaria, subas retributivas para o persoal MIR, o avance cara á voluntariedade das gardas ou descansos do persoal tras a garda do venres.

Pola contra, a ministra de Sanidade mantén unha actitude intransixente e pasiva ante a reivindicación do persoal facultativo dun marco regulatorio propio e dunha mesa de negociación vinculante para os médicos, peticións que Gómez Caamaño insistiu en que Galicia as apoia, como así se puxo de manifesto en numerosas ocasión, e como tamén así se aprobou na Cámara galega. 

O conselleiro de Sanidade amosou o seu enfado ante a falta de diálogo da ministra, que se replica con outras decisións que afectan directamente á xestión sanitaria que realizan as comunidades autónomas. 

É o caso da recente modificación do copago farmacéutico, na que as comunidades viñan traballando e que o Ministerio de Sanidade aprobou de súpeto e sen consenso.

Este cambio, aplicado sen orzamento e sen criterios definidos, provoca prexuízos na xestión do financiamento das receitas que realizan os sistemas sanitarios autonómicos e as farmacias. 

Tal e como explicou Gómez Camaño, neste momento, as comunidades autónomas non poden aplicar un Real decreto lei que xa está en vigor desde hai días porque están pendentes de que o Goberno central achegue toda a documentación requirida e faga as aclaracións reclamadas polas comunidades para a súa correcta aplicación. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026