A Xunta destaca a importancia da Romaxe Artesá da Chaira na divulgación e na comercialización da Artesanía de Galicia
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou en Muras a décima edición do evento, no que participan 20 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
Muras (Lugo), 23 de maio de 2026
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata Muras para visitar a décima edición da Romaxe Artesá da Chaira, que se celebra ao longo da xornada de hoxe. Durante a súa visita, Elena Fabeiro puxo en valor este evento para a comercialización do produto artesán galego, para achegarlle os oficios artesanais á sociedade e para consolidar a marca Artesanía de Galicia como identificador do produto feito á man e de calidade.
Na X Romaxe Artesá da Chaira participan 20 obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e especializados na marroquinería, na cantería, na xoiería, na cerámica, na forxa, no bordado ao aire, na cestería ou nos xoguetes. Tamén no tecido, no debuxo, no vidro, na elaboración de roupa, na bixutería, na sombreirería e nos complementos de moda.
En concreto, estarán os obradoiros de Vilalba Xosé Lois Canteiro e Imavi; os de Lugo Tres Caracoles, Meteora Handmade, Ceniza de Papel e La Bellota Mágica; os obradoiros da Coruña Zeltia ao Aire, Emy Telar e Pasa Marela; María Monsalve Estudio (Monterroso); Jorge Eiroa Forxa (Culleredo); Casperlota Atelier (Paderne); Comeluz (As Pontes); Enxógate (Quiroga); O Carabel Ecocestos (Ferrol); Ferraxe de Prata (Teo); Ada Negra (A Guarda); Corman Soto (Vigo); Alfarería Lista (Buño, Malpica de Bergantiños); e Hana no Boshi (Pontedeume).