A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a praia de San Xurxo
O Plan de conservación da Xunta logra unha tendencia positiva da píllara das dunas en Galicia, cun total de 87 parellas reprodutoras censadas na costa
Grazas ao labor de seguimento e protección de niños e ao traballo de reprodución fóra das praias, a poboación galega desta especie é a única que crece, xunto á balear
Ángeles Vázquez salienta que o programa de incubación artificial e cría desenvolvido nos centros de recuperación de fauna de Oleiros e Cotobade é “unha experiencia única en toda Europa” e desde o ano 2017 xa logrou que voasen 178 polos
Tras lembrar que a píllara está actualmente en pleno ciclo reprodutivo, explica que este ano, só na provincia da Coruña, se monitorizan máis de 60 niños en 18 praias
Ferrol, 23 de maio de 2026
O Plan de conservación da píllara das dunas impulsado pola Xunta no ano 2014 está a dar importantes froitos en Galicia, onde xa hai contabilizadas un total de 87 parellas reprodutoras en toda a súa costa, segundo o último censo da especie elaborado pola Universidade de Santiago en 2025.
Durante unha visita á praia ferrolá de San Xurxo, onde nidifica esta especie catalogada como vulnerable e considerada todo un símbolo dos areais galegos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que, grazas ao labor de seguimento e protección dos niños e ás actuacións de conservación e investigación que desenvolven tanto dentro como fóra das praias os técnicos e axentes ambientais do seu departamento, coa colaboración da Universidade de Santiago, a realidade é que, nestes momentos, a píllara das dunas presenta unha tendencia positiva na Comunidade.
De feito, a poboación galega de píllara das dunas é, xunto coa das Illas Baleares, a única en todo o país que experimenta e mantén un crecemento progresivo, segundo os datos recollidos no último Libro Vermello das Aves en España.
Esta evolución é posible, en parte, grazas á aposta que fixo a Xunta no ano 2017 por un programa para a conservación e cría ex-situ —é dicir, fóra do seu hábitat natural— destas pequenas aves. Segundo explicou, a iniciativa considérase hoxe en día “unha experiencia única en toda Europa” e no marco da mesma xa se logrou que voasen con éxito un total de 178 polos incubados de forma artificial e posteriormente criados nos centros de recuperación de fauna autonómicos de Oleiros e Cotobade.
Este programa, ademais, enmárcase no proxecto europeo IBERALEX para mellorar a conservación da píllara das dunas como ferramenta para compatibilizar usos humanos e biodoversidade no espazo tranfronteirizo entre Galicia e Portugal.
Cun orzamento global de 1,9 millóns de euros, cofinanciado ao 75% con fondos europeos FEDER, o obxectivo deste proxecto (que se desenvolverá ata finais deste ano) é dar un paso máis no compromiso con esta especie e na conservación das praias e zonas húmidas ibéricas coa execución dunha serie de medidas e accións nas que colaboran a Xunta, a USC e outras institucións académicas e conservacionistas de España e Portugal.
Tras lembrar que a píllara das dunas está nestes momentos en pleno ciclo reprodutivo —xa que o período de cría nas praias vai do mes de marzo ao de agosto—, a responsable autonómica insistiu na importancia de seguir facendo un seguimento activo destas aves e de compatibilizar o uso recreativo e público dos areais nesta época do ano co respecto ás zonas de cría e á biodiversidade.
Por iso, ademais de facer un chamamento á prudencia cando se visite algunha das praias nas que haxa presenza de píllaras en período de cría, explicou que, este ano e só na provincia da Coruña, o seu departamento mantén monitorizados máis de 60 niños en 18 areais, dos cales o 80% foron protexidos mediante perímetros de protección.
Así mesmo, tamén avanzou que, polo momento, o persoal da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xa tivo que rescatar 11 niños ameazados polas pleamares vivas para poder trasladalos aos centros de Oleiros (nove) e de Cotobade (dous).
San Xurxo, referente para a especie
A píllara das dunas é unha ave limícola de pequeno tamaño e característica da costa galega, especialmente das praias das provincias da Coruña e Pontevedra, que está incluída no Catálogo galego de especies ameazadas na categoría de vulnerable.
Na actualidade, a costa Ártabra galega destaca como un importante núcleo de cría para esta especie, sendo a zona máis setentrional da súa distribución na costa cántabro-atlántica española. En particular, a praia de San Xurxo que visitou hoxe a conselleira é un areal de referencia e en 2025 nidificaron nela 7 das 16 parellas localizadas nesta zona.
Ademais, moitos dos exemplares que agora crían nas praias ártabras proceden, precisamente, do programa de cría ex-situ da Xunta e nestes momentos xa se poden observar varias familias de píllara das dunas en crecemento na costa da Coruña e de Pontevedra, un dato que confirma a efectividade das medidas de protección que se están a desenvolver en Galicia e a importancia de seguir concienciando á cidadanía.