A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, presentou esta intervención

A conselleira Allegue avanza a licitación este luns das obras de urbanización da rúa Serra de Meira en Lugo cun investimento da Xunta de 1,1 M€

A obra permitirá ampliar e mellorar o viario entre as glorietas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Suárez, creando un espazo máis seguro, accesible e integrado no barrio

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 22 de xuño

Na intervención pavimentarase a calzada, executaranse novas beirarrúas, instalarase mobiliario urbano ou realizaranse tarefas de xardinería para humanizar a contorna

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou hoxe as obras proxectadas en Lugo, para a urbanización da rúa Serra de Meira, unha nova intervención da Xunta na cidade, que será licitada este vindeiro luns cun investimento de 1,1 M€.

M. Allegue puxo o acento na importancia desta actuación, coa publicación este vindeiro luns na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia da licitación das obras, ás que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 22 de xuño. Neste sentido, avanzou que o obxectivo é poder iniciar os traballos o antes posible.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliñou que se trata dunha actuación necesaria para mellorar e ampliar este viario, no tramo comprendido entre as glorietas de Serra de Meira e da avenida Adolfo Suárez.

O proxecto contempla unha intervención integral orientada a converter esta contorna nun espazo máis seguro, accesible, ordenado e amable para a cidadanía. As obras incluirán a pavimentación da calzada, a construción de novas beirarrúas, a mellora da capa de rodaxe das sendas peonís, actuacións de xardinería e a instalación de mobiliario urbano.

Ademais, acometerase a modernización dos servizos urbanos de saneamento e abastecemento de auga, a mellora do alumeado público e a sinalización.

Unha vez rematada a actuación, os lucenses disporán dun viario completamente renovado que favorecerá unha mobilidade máis cómoda, segura e funcional, tanto para os vehículos como para os peóns.

O proxecto contribuirá á humanización da contorna e a unha mellor integración no barrio, especialmente coas zonas verdes  e o parque do Sagrado Corazón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2026