O conselleiro de Educación destaca o instituto de Becerreá como exemplo do ensino de calidade que se ofrece no rural galego

Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, visita o centro, que destaca pola súa implicación co tecido social da contorna

Ademais dos catro cursos da ESO e os dous do Bacharelato, o centro oferta o ciclo de FP Básica en Electricidade e Electrónica, cunha matrícula de 12 alumnos

Becerreá (Lugo), 22 de maio de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe a implicación do Instituto de Becerreá co tecido social da súa contorna, “un claro exemplo do ensino de calidade que se ofrece no rural galego”, dixo. Nunha visita ao centro, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o titular do departamento educativo do Goberno galego destacou que o instituto desenvolve diferentes programas ambientais, culturais e lingüísticos impulsados pola Xunta en estreito vínculo coa realidade local.

Neste sentido salientou, no marco do Plan Proxecta, a iniciativa O Monte Vivo, que implica ao alumnado no estudo e coidado da contorna natural, na prevención de incendios e na observación da biodiversidade local. Así mesmo, o centro participa de xeito regular no Congreso Científico da Montaña Lucense, onde os estudantes presentan traballos de investigación e divulgación, reforzando a conexión entre o centro e o territorio. Ademais, o instituto organiza actividades como o almorzo saudable, que promove hábitos equilibrados e reflexiona sobre o consumo responsable.

Román Rodríguez felicitou o centro pola organización do Premio IES Becerreá á Difusión da Lingua e Cultura Galega na Comarca dos Ancares, unha iniciativa anual para distinguir a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades que destacan polo seu labor a prol do idioma e a cultura propias na comarca e zonas limítrofes. No ámbito cultural, o instituto participa tamén en diferentes iniciativas de fomento da lectura e en proxectos como o Ano Oteriano, que achega ao alumnado á literatura e ao patrimonio cultural galego.

Con case 140 alumnos en total, ademais dos catro cursos da ESO e os dous do Bacharelato, o IES de Becerreá oferta o ciclo de FP Básica en Electricidade e Electrónica, que recuperou este curso e que conta con 12 alumnos matriculados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026