Román Rodríguez coñece de primeira man no Colexio Lamas de Abade o traballo do alumnado para acreditarse como guía escolar da eclipse
O conselleiro destaca o labor dos Polos Creativos na divulgación científica e no achegamento da astronomía e a astrofísica ao estudantado
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, coñeceu de primeira man hoxe, no Colexio Lamas de Abade de Santiago de Compostela, as actividades científicas coas que o alumnado galego se está a acreditar como guías escolares de eclipse que terá lugar o vindeiro mes de agosto. Grazas aos Polos Creativos, estudantes de distintas etapas educativas fórmanse e traballan a astronomía desde unha perspectiva práctica e divulgativa.
O titular de Educación da Xunta asistiu a unha sesión da iniciativa Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse, unha ampla programación impulsada nos colexios e institutos da nosa Comunidade desde o mes de febreiro. “A través desta formación, o alumnado adquire coñecementos que lle permiten actuar como guía da eclipse no seu ámbito familiar e social”, sinalou o conselleiro, quen puxo en valor os Polos Creativos “como ferramenta clave para achegar a ciencia ao alumnado dun xeito práctico, innovador e participativo”.
As actividades posibilitan traballar a astronomía e a astrofísica desde unha metodoloxía na que o alumnado asume un papel activo no proceso de aprendizaxe. Para obter a acreditación, debe superar distintas misións, que inclúen cuestionarios divulgativos, actividades de observación do ceo e a elaboración dunha maqueta do fenómeno mediante impresión 3D, empregando os recursos tecnolóxicos dos Polos Creativos.
Neste contexto, o conselleiro salientou que a iniciativa “converte o alumnado en protagonista directo da divulgación científica arredor dun acontecemento astronómico excepcional para Galicia”, ao tempo que reforza o interese polas materias STEM. Destacou, igualmente, que este tipo de proxectos contribúen a reforzar as competencias científicas do alumnado galego, líder a nivel estatal en competencia científica segundo o informe PISA, e tamén en conciencia medioambiental segundo o estudo TIMSS.
Proxecto piloto con proxectores adaptados
Ademais, o conselleiro coñeceu tamén un proxecto piloto impulsado de Polos Creativos para reutilizar proxectores retirados das aulas. Mediante unha adaptación sinxela con rodas e pezas impresas en 3D, estes dispositivos convértense en recursos educativos portátiles destinados a traballar o pensamento computacional e a aprendizaxe manipulativa a través da gamificación en Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria.
Ata 12 centros educativos participarán nesta experiencia piloto, que permite dar unha segunda vida a recursos tecnolóxicos existentes nos centros e ampliar as posibilidades didácticas dos Polos Creativos. Este novo modelo xa está a ser empregado con bos resultados no Centro de Educación Especial Infanta Elena de Monforte.