A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe o recurso tras as obras realizadas

A Xunta inviste máis de 255.000 euros na mellora e ampliación do centro de día da entidade Aspaber, que duplica as súas prazas ata chegar ás 70

A conselleira felicita á entidade pola súa traxectoria e desexoulle “outros 50 anos máis de compromiso, entrega e traballo” en favor das persoas con discapacidade e das súas familias

Reafirma, ademais, o compromiso da Xunta co conxunto das entidades sociais de Galicia, destacando que “sempre contan coa man tendida do Goberno galego”

Carballo (A Coruña), 22 de maio do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo hoxe en valor o traballo que desenvolve Aspaber, entidade de referencia na comarca de Bergantiños na atención ás persoas con discapacidade intelectual, coincidindo coa celebración do seu 50 aniversario. Así o destacou na visita ao centro de día da entidade, no que a Xunta vén de investir máis de 255.000 euros, unha actuación que permitiu duplicar as prazas deste recurso de atención diúrna, pasando de 35 a 70 usuarios.

Durante a visita ás instalacións da entidade, a conselleira destacou a “traxectoria exemplar” de Aspaber ao longo destas cinco décadas, caracterizada pola súa aposta por ofrecer unha atención integral e personalizada ás persoas usuarias, favorecer a súa inclusión social e laboral e brindar apoio e acompañamento ás familias e ás persoas achegadas no día a día. Neste sentido, destacou que a Xunta financia 137 prazas nos diferentes recursos cos que conta a asociación.

Fabiola García reafirmou ademais o compromiso da Xunta co conxunto das entidades sociais de Galicia, destacando  que “sempre contan coa man tendida do Goberno galego”. Un apoio que, segundo incidiu, “non queda só nas palabras, senón que se demostra con feitos e investimentos concretos”.

Finalmente, felicitou á entidade pola súa traxectoria e desexoulle “outros 50 anos máis de compromiso, entrega e traballo en favor das persoas con discapacidade e das súas familias”.

SAF e Bono Coidado no Fogar

Ademais do compromiso coas persoas con discapacidade, a conselleira destacou o esforzo do Goberno galego na atención ás persoas maiores e dependentes. Neste sentido, apuntou que a Xunta inxectará 1,4 millóns de euros extras nos próximos tres anos no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Carballo, polo que a achega total nesta lexislatura será de 4,8 millóns de euros.

Así mesmo, máis de 500 persoas maiores desta localidade son atendidas nas súas casas a través do Bono Coidado no Fogar, que a Xunta financia con máis de 2,5 millóns de euros ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026