A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participou no acto de entrega de diplomas aos premiados na edición 2025 dos premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura, do COAG
Allegue destaca nos Premios Gran de Area 2025 o papel da arquitectura como ferramenta para construír unha Galicia máis habitable, sostible e cohesionada
A conselleira puxo en valor a excelencia dos proxectos premiados, que combinan innovación, respecto polo patrimonio e compromiso coa mellora da calidade de vida da cidadanía
Reafirmou a aposta da Xunta pola rehabilitación, a rexeneración urbana, a vivenda pública e a planificación responsable do territorio
Marín (Pontevedra), 23 de maio de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe na gala de entrega dos Premios Gran de Area 2025, o papel da arquitectura como ferramenta para construír unha Galicia máis habitable, sostible e cohesionada.
M. Allegue, acompañada pola directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, participou hoxe no acto de entrega deste Premios Gran de Area 2025 de Aportación á Arquitectura, celebrado no novo auditorio de Marín.
Durante a súa intervención, a conselleira agradeceu ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) a organización deste certame, consolidado como unha das principais referencias da arquitectura galega. Neste sentido, destacou o valor destes galardóns como recoñecemento a unha forma de entender o territorio, a paisaxe e a responsabilidade colectiva sobre os espazos que habita a cidadanía.
Martínez Allegue subliñou que os Premios Gran de Area distinguen actuacións que achegan valor arquitectónico, pero tamén social, cultural e territorial, nun contexto marcado por importantes retos como o acceso á vivenda, a rehabilitación do patrimonio, a sustentabilidade, a cohesión territorial e a revitalización do medio rural.
Destacou que as obras premiadas nesta edición constitúen exemplos do compromiso da arquitectura galega coa recuperación do patrimonio, a revitalización dos centros históricos, a creación de equipamentos públicos de calidade e a integración respectuosa coa paisaxe. Tamén salientou a capacidade destes proxectos para ofrecer respostas aos desafíos demográficos e sociais de Galicia.
A conselleira incidiu en que todas estas actuacións comparten un elemento común: a procura da calidade entendida como unha responsabilidade coa sociedade e co territorio. Neste marco, salientou que a boa arquitectura contribúe a transformar os barrios, fortalecer as comunidades, crear identidade e xerar novas oportunidades de desenvolvemento.
A responsable autonómica puxo tamén en valor a arquitectura galega como unha das expresións máis recoñecibles da identidade do país, estreitamente vinculada á paisaxe e ao territorio. Nesa liña, sinalou que o concepto de Galicia Calidade está igualmente asociado á capacidade dos profesionais galegos para desenvolver proxectos que combinan innovación, funcionalidade e respecto pola identidade propia.
Durante o acto, Martínez Allegue reafirmou o compromiso da Xunta co impulso de políticas orientadas á rehabilitación edificatoria, á recuperación dos centros históricos, á promoción de vivenda pública, á rexeneración urbana e á planificación responsable do territorio. A este respecto, destacou a importancia de seguir contando coa colaboración do sector da arquitectura para avanzar cara a unha Galicia máis habitable, sostible e cohesionada.
Finalmente, a conselleira destacou que os Premios Gran de Area visibilizan o talento, o compromiso e a excelencia dos profesionais que contribúen diariamente á construción dunha Galicia mellor, ao tempo que recoñecen o esforzo colectivo de promotores, administracións, empresas e demais axentes implicados en cada proxecto arquitectónico.
Segundo concluíu, as obras distinguidas nesta edición representan unha mostra da Galicia moderna, comprometida coa súa identidade e coa calidade arquitectónica e urbanística como elemento fundamental para construír o futuro.