A Xunta activa a alerta laranxa por treboadas no centro da provincia de Lugo

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros

Suspéndese a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2026

A Xunta activou para hoxe a alerta laranxa por treboadas no centro da provincia de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase a partir do mediodía por tormentas xeneralizadas. Así mesmo, é posible que se rexistren choivas e ventos localmente moi fortes e sarabia superior a dous centímetros.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados pola alerta laranxa. Os concellos afectados e os horarios de vixencia da alerta poden consultarse na web Deporte Galego.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 24/05/2026