O delegado territorial visitou a Asociación Provincial Talleres Reparación Vehículos Ourense (Atave), beneficiaria da última orde para impartir acción formativas para desempregados (AFD)

Manuel Pardo sinala aos cursos AFD impulsados pola Xunta, como unha ferramenta para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas

Manuel Pardo explicou que a nova orde de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas, dotada cun crédito de 60 M€, se enmarca no redeseño integral da formación para o emprego que está impulsando o Goberno galego, e que aposta pola flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias

O delegado territorial sinalou que esta orde complétase con outras como Galicia Suma Talento: Emprégate, dotada de 19,7M€, que por primeira vez inclúe incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións AFD, obradoiros duais de emprego ou programas integrados de empregos

O representante do Goberno galego sinalou que na convocatoria pasada 2025-2026 foron 43 as entidades na provincia ourensá que están a desenvolver en total 117 accións formativas para persoas desempregadas, permitindo impartir na zona máis de 60.866 horas formativas para as que a Xunta concedeu máis de 6 millóns de euros en axudas para a súa financiación

Ourense, 25 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá na cidade de Ourense, ás instalacións da Asociación Provincial Talleres Reparación Vehículos Ourense (Atave), entidade que imparte unha acción formativa para desempregados (AFD) grazas a unha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, de máis de 56.000 euros.

O delegado territorial lembrou na súa visita, que a Xunta mantén aberta ata o 30 de novembro ou ata que remate o crédito orzamentado, a nova convocatoria 2026-2027 de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) que, dotada cun crédito de 60 M€ —tras a recente ampliación en 20 M€ adicionais—, se enmarca no redeseño integral da formación para o emprego que está impulsando o Goberno galego, e que aposta pola flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias, e así potenciar a súa empregabilidade e responder ás necesidades de talento das empresas.

Manuel Pardo detallou que cada acción formativa, tal e como se contempla desde 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30% do alumnado, o que garante que a formación estea vinculada á realidade produtiva e permite ás empresas canalizar as súas necesidades concretas a través de centros acreditados de xeito áxil. Nesta liña, concretou que esta convocatoria permite modular a capacitación e reducir o tempo de formación, incluíndo graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e, como novidade desde o ano pasado, microformacións de grao A (30-40 h), abrindo un escenario máis amplo e adaptado aos perfís e ás necesidades reais do mercado.

O representante do Goberno galego sinalou que esta orde complétase con outras como Galicia Suma Talento: Emprégate, dotada de 19,7M€, que por primeira vez inclúe incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego.

O delegado territorial rematou destacando que na convocatoria pasada 2025-2026 foron 43 as entidades na provincia ourensá que desenvolveron en total 117 accións formativas para persoas desempregadas, permitindo impartir na zona máis de 60.000 horas formativas para as que a Xunta concedeu máis de 6 millóns de euros en axudas para a súa financiación.

Curso AFD desenvolto en Atave

O curso que se está a impartir nesta entidade consiste na realización de operacións de mantemento no motor e os seus sistemas auxiliares en automóbiles, vehículos industriais, motocicletas, maquinaria agrícola, maquinaria de construción e obras públicas e material rodante ferroviario, aplicando as técnicas e procedementos establecidos polo fabricante conseguindo a calidade requirida e en condicións de seguridade; cun total de 538 horas formativas dirixidos a 12 alumnos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2026