O conselleiro de Ciencia e o vicepresidente do CSIC asinaron un convenio para que estes profesionais poidan realizar o seu traballo nos centros do CSIC en Galicia
A Xunta contratará o primeiro investigador Oportunius do CSIC para que retorne e continúe a súa traxectoria en Galicia
Luis Martínez Otero deixará o Instituto de Neurociencias de Alicante para volver a Galicia e desenvolver a súa carreira científica no Instituto de Ciencias do Patrimonio
A Xunta asumirá a contratación como persoal investigador distinguido do neurocientífico galego do CSIC que fixo a formación posdoutoral en Nova York e que se centra en comprender como o cerebro constrúe a percepción visual do mundo
Coa incorporación de Luis Martínez serán 26 científicos Oportunius contratados pola Xunta: oito deles retornan a Galicia, 11 decidiron quedar aquí grazas ao programa e sete optaron por trasladarse a vivir á nosa Comunidade desde outros lugares
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026
A Xunta contratará a través do programa Oportunius o primeiro investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Luis Martínez Otero. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o vicepresidente do CSIC, Carlos Closa, asinaron hoxe un convenio de colaboración para que os centros do CSIC en Galicia poidan acoller profesionais con contrato Oportunius. O primeiro en beneficiarse deste acordo será este científico de prestixio, especializado en Neurociencia, que se incorporará ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) e continuará así a súa traxectoria en Galicia.
O Goberno galego asumirá a contratación deste científico mediante un contrato como persoal investigador distinguido, de maneira que Luis Martínez será o primeiro Oportunius contratado pola Xunta para desenvolver o seu traballo nun centro do CSIC na nosa Comunidade. Os 25 investigadores Oportunius contratados ata agora por esta vía desenvolven o seu labor nas tres universidades galegas e este é o primeiro que terá base nun centro do CSIC.
Actualmente, o neurocientífico galego Luis Martínez Otero é científico titular do CSIC no laboratorio de Analoxía Visual do Instituto de Neurociencias de Alicante UMH-CSIC. Doutor en Ciencias Biolóxicas (Neurociencia) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), realizou a súa formación posdoutoral na Universidade Rockefeller de Nova York. A súa investigación está centrada en comprender como o cerebro constrúe a percepción visual do mundo, utilizando ferramentas de neurociencia cognitiva e computacional, combinadas con filosofía, arqueoloxía e arte.
A contratación por parte da Xunta permitirá o retorno desde investigador, doutorado no seu día na USC e que logo de desenvolver parte da súa traxectoria no estranxeiro, volverá a Galicia desde a Comunidade Valenciana, o seu último destino.
Román Rodríguez destacou no acto de firma do convenio a importancia do programa Oportunius para captar investigadores que queiran desenvolver a súa traxectoria en Galicia, reter aos que xa están aquí e conseguir que volvan os que se formaron ou xa traballaron en Galicia e nestes momentos están noutros lugares, como é o caso de Luis Martínez, que deixará Alicante para retornar a Santiago. “O noso compromiso co talento investigador é firme e este novo contrato Oportunius cun investigador do CSIC é un exemplo, porque os científicos son clave para que a Galicia Calidade avance nunha I+G+i de excelencia“, expresou o conselleiro.
Na sinatura deste acordo tamén participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; a delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González; a vicedirectora do Incipit, Ximena Senatore; o director de departamento do Incipit, César González, e o investigador que será contratado, Luis Martínez, acompañado polo científico Felipe Criado-Boado.
Con este contrato de persoal investigador distinguido serán 26 os científicos contratados a través da Axencia Galega de Innovación da Xunta no marco de Oportunius: sete optaron por trasladarse a vivir a Galicia desde outros lugares, 11 xa traballaban na nosa Comunidade e con esta iniciativa decidiron continuar e oito, entre eles Luis Martínez, son profesionais que marcharan previamente e grazas ao contrato Oportunius da Xunta decidiron retornar. Ao longo deste 2026 chegarán a ser 31, tendo en conta a previsión de contratacións para este ano.
Acordo de colaboración
Segundo o acordo asinado hoxe, a Xunta asume o custo do salario e dereitos laborais do investigador e o CSIC facilitará a súa adscrición como persoal investigador Oportunius, garantindo o seu traballo nun dos seus centros, o Incipit, no referido a infraestruturas, equipamentos, servizos e recursos en condicións equivalentes ao persoal propio. Asegurará tamén a súa autonomía científica, permitindo a súa incorporación a grupos de investigación existentes ou a creación dun novo.
Luis Martínez é un dos investigadores principais do proxecto XCAPE, beneficiario dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC) na categoría Synergy Grant no 2020. Precisamente traballará desde Galicia neste proxecto xunto ao investigador do Incipit Felipe Criado-Boado, coordinador do mesmo.
Investimento Programa Oportunius
Ademais do primeiro contrato de persoal investigador distinguido, o programa Oportunius presta apoio económico a investigadores do CSIC gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC), como é o caso de Felipe Criado-Boado, compañeiro de Luis Martínez nesta etapa que inician en Galicia; Jorge de Torres, tamén do Incipit, e Carlos Pérez Carmona, actualmente na Misión Biolóxica de Galicia (MBG). A Xunta, a través de Oportunius, apoiou estes proxectos cun importe total de 855.833€. Son proxectos punteiros que lograron captar 6,86 M€ de fondos ERC. No caso do proxecto XCAPE, coordinado por Criado-Boado e no que participan tamén a Universidade de Sussex (Reino Unido) e a Christian-Albrechts-Universitaet Zu Kiel (Alemaña), Luis Martínez recibirá 306.666€ en axudas Oportunius. Así mesmo, o programa apoiou ata o momento a tres finalistas ERC do CSIC, pertencentes ao Incipit e MBG, cun importe de 200.000€.
Desde a súa posta en marcha en 2014, o investimento da Xunta no programa Oportunius ascende a 27,6 M€, cun retorno previsto de 150 M€, o que supón multiplicar por máis de cinco o orzamento público achegado. Ata o momento, conta con 45 investigadores gañadores de axudas ERC, coa incorporación de Luis Martínez, que desenvolven 55 proxectos. Destes 45 investigadores Oportunius, 26 teñen contrato de persoal investigador distinguido.