A Xunta apoia o parque temático de dinosaurios que impulsa a empresa Terra Nublar en Outeiro de Rei

Outeiro de Rei (Lugo), 25 de maio de 2026

A Xunta de Galicia apoia o parque temático de dinosauros Terra Nublar, que abrirá proximamente a empresa do mesmo nome en Outeiro de Rei. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, coñeceu hoxe o recinto e os detalles do proxecto da man dos seus impulsores, Rebeca Fernández e Javier Ferreiro.

O Goberno galego respaldou esta iniciativa a través de senllas axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), canalizada esta mediante o GDR Terras de Lugo. Arias destacou “o gran potencial turístico da idea” e confiou en que sexa “un recurso dinamizador para toda a comarca”.

O parque esténdese por unha ampla carballeira, na que se disporán case unha trintena de réplicas animatrónicas de dinosauros, con movementos e sons. Propóñense cinco percorridos, que suman arredor de 1 quilómetro de lonxitude e que conducen aos visitantes polas distintas categorías: a Idade de Xeo, os exemplares voadores, os carnívoros, e os herbívoros do Xurásico e do Cretácico. Os promotores explicaron que están ultimando as obras das instalacións e traballan coa previsión de poder iniciar a actividade na primeira quincena de xullo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2026