A Xunta entrega unha nova vivenda protexida rehabilitada polo Consorcio Casco Vello de Vigo no Berbés
A delegada territorial en Vigo e presidenta do CCVV, Ana Ortiz, visitou o inmoble recuperado e fixo hoxe entrega deste fogar situado na rúa Ribeira do Berbés
Vigo, 25 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta de Galicia e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, fixo entrega este luns dunha nova vivenda protexida no barrio histórico. A vivenda hoxe entregada, xunto con outra, forma parte dun edificio adquirido polo Consorcio Casco Vello de Vigo e posteriormente recuperado. Trátase dun piso tipo dúplex que ocupa o baixo e a primeira planta do número 39 da rúa Ribeira do Berbés, un fogar accesible, de calidade, coa máxima integración na contorna e eficiente enerxeticamente.
Ana Ortiz puxo en valor o traballo do Consorcio Casco Vello de Vigo, participado pola Xunta nun 90% e o Concello no restante 10%. Esta entidade leva 20 anos impulsando a recuperación integral desta zona emblemática da cidade olívica. Cómpre lembrar que son xa 93 edificios adquiridos e 79 deles rehabilitados que deron lugar a 140 vivendas e 36 locais.
A Xunta, no marco desta entidade, leva achegado un investimento de 30,5M€ estes anos e en 2025 aprobouse o novo plan cun investimento autonómico de 7,1M€ para rehabilitar outros 25 inmobles. Ortiz lembrou que este Plan de Actuación 2026-20230 foi aprobado por unanimidade marca as pautas de rehabilitación que levará a cabo o organismo durante o vindeiro lustro.
Ademais, o plan contará cun investimento dun total de 15,1 millóns de euros, que será financiado mediante ingresos por venda de inmobles, transferencias de capital dos entes consorciados e ingresos correntes.