O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Santiago a xoiaría Ardentia, adherida á iniciativa
A Xunta lanza mañá unha nova edición dos bonos Activa Comercio dotada con 2,5 M€ e que incorpora como novidade un sorteo nas redes sociais
José González pon en valor que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da primeira convocatoria de 2026 desta medida, que prevé mobilizar 8,5 M€ en vendas en toda a Comunidade
Explica que a cidadanía poderá descargar un bono desconto de ata 30 euros a partir deste mércores, 27 de maio, para utilizar nas tendas adheridas ata o esgotamento do crédito dispoñible ou do orzamento global da convocatoria
Como principal novidade, salienta a posta en marcha dun sorteo complementario a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram de catro bonos adicionais por importe de 250 euros para gastar nos comercios adheridos
Pola súa banda, o prazo de adhesión dos establecementos interesados permanece aberto desde o pasado 27 de marzo e supera xa os 4.700 negocios en toda Galicia
En total, a Xunta de Galicia prevé destinar inicialmente 5 M€ durante 2026 a esta campaña pioneira, coa que busca revalidar o éxito dunha iniciativa que desde 2021 xa leva mobilizados máis de 122 M€
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Santiago de Compostela a xoiaría Ardentia con motivo da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da primeira edición de 2026 dos bonos Activa Comercio. A convocatoria, dotada con 2,5 M€, permitirá descargar os bonos desde mañá, 27 de maio, e prevé mobilizar arredor de 8,5 M€ en vendas no conxunto da Comunidade.
Durante a visita, José González destacou a consolidación desta iniciativa como unha ferramenta fundamental de apoio ao comercio de proximidade e de impulso ao consumo local, no marco das medidas incluídas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Ademais, salientou que, desde a súa posta en marcha en 2021, a campaña xa leva mobilizados máis de 122 M€ en vendas en toda Galicia.
O titular de Emprego explicou que as persoas consumidoras interesadas poderán descargar, a partir das 9,00 horas de mañá, un bono desconto de ata 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregalo directamente na adquisición de produtos nos comercios adheridos, como a xoiaría Ardentia. Neste sentido, remarcou que a adhesión dos establecementos —aberta desde o 27 de marzo e que suma xa máis de 4.700 negocios, arredor de 1.800 na provincia da Coruña— se realiza nun único procedemento para todas as edicións do ano, avanzando así na simplificación administrativa.
Ademais, como elemento de dinamización da campaña deste ano, González destacou a habilitación dun sorteo complementario a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram, dirixido ás persoas usuarias dos bonos Activa Comercio que realicen compras no marco do programa, co obxectivo de contribuír a dar unha maior visibilidade ao comercio local. O sorteo consistirá na adxudicación de catro bonos adicionais por importe de 250 euros cada un, en formato dixital mediante código QR, que poderán utilizarse nos establecementos adheridos cun prazo de validez dunha semana. A participación estará vinculada á realización dunha compra con bono nun comercio adherido e á interacción coas publicacións oficiais da campaña nas redes sociais, segundo as condicións establecidas na convocatoria publicada hoxe no DOG.
Funcionamento da campaña
Os bonos estarán dispoñibles para a cidadanía a partir de mañá mércores ás 9,00 horas na web www.bonosactivacomercio.gal. O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra. Así, nas compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros aplicarase un desconto de 5 euros, mentres que nas compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros o desconto será de 10 euros. A partir desta contía, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición. Non existe límite de usuarios, pero unha vez esgotado o crédito total de 2,5 M€, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo no caso de non teren sido consumidos na súa totalidade. Ademais, co fin de incrementar as vendas, establécese a incompatibilidade dos bonos Activa Comercio con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260526/AnuncioG0767-070526-0001_gl.html