A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á nosa comunidade autónoma.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.
Neste marco de referencia, o 31 de marzo de 2025 o Consello da Xunta aprobou o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 coa finalidade de incrementar a competitividade do comercio galego apoiándose na modernización, a innovación, a sustentabilidade e as novas tecnoloxías, así como consolidar o sector comercial como un sector profesional, cualificado, de calidade e fortalecido que promova o consumo responsable e desenvolva unha actividade sustentable.
Para a consecución desta finalidade, o plan estrutúrase en torno a tres eixes de actuación prioritarios. Dentro do eixe 2, Dinamización e visibilidade do comercio, inclúese a medida 2.2: dinamizar e incentivar o consumo no comercio local e, dentro desta, a acción 2.2.1: realizar campañas para incentivar o consumo no comercio local. Bono Activa comercio.
Dada a repercusión positiva que tiveron as anteriores edicións do programa bonos Activa comercio na reactivación das vendas no comercio de proximidade galego, que fixeron posible que numerosas persoas se puidesen beneficiar destas axudas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración anuncia a convocatoria da primeira edición do programa no ano 2026.
A finalidade desta edición é continuar estimulando a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista, promovendo as compras de bens en comercios, obxectivos estes que tamén terán un impacto positivo na economía das persoas consumidoras ao se poderen beneficiar de descontos nas compras que realicen no seu comercio de proximidade.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar a primeira edición do ano 2026 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301B).
Artigo 2. Bases reguladoras
A xestión dos bonos Activa comercio axustarase ao previsto nas bases reguladoras aprobadas pola Orde do 12 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión no ano 2026 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B) (DOG núm. 57, do 26.3.2026).
Artigo 3. Orzamento
1. Para a concesión destas axudas destinaranse 2.501.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, de acordo coa seguinte distribución:
|
Actuación |
Importe |
|
Programa bonos Activa comercio |
2.500.000,00 € |
|
Sorteo bonos Activa comercio |
1.000,00 € |
2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Activa comercio co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias, e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.
Artigo 4. Entidade colaboradora
A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 8 de xaneiro de 2026 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A) (DOG núm. 13, do 21.1.2026).
Artigo 5. Actividade subvencionable
Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa, así como a prestación dos correspondentes servizos no caso das epígrafes do IAE 972.1 e 972.2, nos termos establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.
Artigo 6. Procedemento de concesión
O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta orde é de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde das solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 3 destas bases reguladoras.
Artigo 7. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 desta orde. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o disposto no artigo seguinte.
Artigo 8. Presentación da solicitude dos bonos
1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
a) Nome e apelidos.
b) Maioría de idade.
c) DNI ou NIE.
d) Localidade de residencia (código postal).
e) Número de teléfono móbil.
f) Correo electrónico.
2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación de estes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, do que serán informadas convenientemente.
3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
5. Opcionalmente, os bonos poderán solicitarse presencialmente na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e nos departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente aos/ás empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante unha declaración responsable na comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.
Artigo 9. Sistema de funcionamento dos bonos
1. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha app que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a app bonos Activa comercio.
3. No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na app o importe e o concepto da venda, aparecendo automaticamente o importe que se debe cobrar (unha vez aplicado o desconto). O concepto da venda introducido na app debe corresponderse coa numeración do tícket ou factura de compra entregada á clientela.
Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.
4. Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.
Artigo 10. Condicións de uso dos bonos
1. Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono, que poderá ser usado nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.
2. Cada bono terá un valor de ata 30 €. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.
Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
3. A validez dos bonos estenderase ata a finalización do período previsto no artigo seguinte, salvo que se esgote previamente o seu saldo, ou ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas acade os 2.500.000,00 €.
4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.
5. En caso de devolución do ben ou bens comprados, o importe da compra poderá ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O/a comerciante non poderá aboar á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.
6. Non será aplicable a troca dos bonos para as compras en liña.
Artigo 11. Data de descarga dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 27 de maio de 2026, ás 9.00 horas, ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas acade os 2.500.000,00 €.
Mediante orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderase modificar a dita data se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellan, do cal se dará a oportuna publicidade.
Artigo 12. Órganos competentes para a instrución e resolución
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.
Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución correspondente, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 13. Instrución e resolución de concesión
Coa troca dos bonos na forma establecida no artigo 9 desta orde, as axudas entenderanse concedidas ás persoas beneficiarias.
A resolución de concesión das axudas publicarase na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa indicación das persoas beneficiarias e do importe das axudas concedidas.
Artigo 14. Xustificación e inspección
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo, como responsable do programa bonos Activa comercio, reserva para si o dereito de realizar durante o período de vixencia dos bonos e a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa.
No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá cancelar a súa adhesión ao programa bonos Activa comercio. Neste caso, comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir a troca de bonos e paralizar o proceso do seu pagamento ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.
Os comercios retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo e polos restantes órganos competentes no exercicio das súas funcións de control do destino das axudas concedidas.
Alén do anterior, estas axudas están sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artigo 15. Información
As persoas interesadas poderán obter información adicional a través da web www.bonosactivacomercio.gal
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento poderán facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Sorteo de bonos Activa comercio
1. Organizador.
A Xunta de Galicia, con domicilio no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.
2. Obxecto.
A Xunta de Galicia ten previsto organizar un sorteo denominado Sorteo de bonos Activa comercio 2026, coa finalidade de dar unha maior visibilidade ás compras realizadas no comercio local de proximidade, incentivando a demanda comercial e a fidelización da clientela.
3. Ámbito xeográfico.
O ámbito xeográfico do sorteo comprende a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Período promocional.
O período de vixencia do sorteo comezará o día indicado no artigo 11 desta orde e finalizará no momento en que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas cos bonos Activa comercio acade os 2.500.000,00 €.
5. Data do sorteo.
A data do sorteo anunciarase nas redes sociais (Tik Tok e Instagram) da Xunta de Galicia unha vez que se produza o esgotamento do orzamento do programa.
6. Premios.
Os premios consistirán en 4 bonos por valor de 250 € cada un. Destinaranse 2 bonos ás persoas que participen no sorteo en Tik Tok e 2 bonos ás persoas que participen en Instagram.
Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e deberán utilizarse nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio. Os bonos poderán usarse nunha ou varias compras ata o esgotamento do seu saldo, con independencia do importe da compra, non sendo de aplicación os límites establecidos no artigo 10.2 desta orde.
O período de validez dos premios será dunha semana.
Os premios non son transferibles nin susceptibles de cambios, alteracións ou compensacións e non poderán trocarse por cartos en efectivo, tarxetas regalo, vales, bonos ou similares.
7. Participación.
Poderán participar neste sorteo as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos indicados no punto 8 deste artigo.
Non poderán participar no sorteo as persoas que interviñesen na súa organización.
Se resulta gañadora algunha persoa excluída da participación, perderá o seu dereito a obter o premio, que pasará á primeira persoa suplente na lista seguindo a orde establecida no sorteo. Se esta tamén resulta excluída, pasarase á persoa seguinte e así sucesivamente.
A Xunta de Galicia comprobará que as persoas gañadoras cumpren cos requisitos exixidos neste artigo. Se ningunha das persoas gañadoras e suplentes cumpre os ditos requisitos, a Xunta de Galicia poderá realizar un novo sorteo ou declarar os premios desertos.
A participación neste sorteo implica a aceptación polas persoas participantes de todas as condicións establecidas neste artigo.
A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de eliminar calquera persoa participante que defraude, altere ou impida o bo funcionamento e o transcurso normal deste sorteo.
8. Mecánica do sorteo.
Os requisitos para poder participar neste sorteo son os seguintes:
• Ser usuario/a dos bonos Activa comercio, de conformidade co establecido no artigo 8 desta orde.
• Ter feito unha compra co Bono Activa comercio nun establecemento comercial retallista adherido ao programa, de acordo do disposto no artigo 5 desta orde.
• Ser seguidor/a das redes sociais de Tik Tok e Instagram da Xunta de Galicia.
• Darlle un «gústame» á publicación correspondente a este sorteo nas redes sociais da Xunta de Galicia. Realizarase unha publicación en Tik Tok e outra en Instagram.
• Comentar a publicación deste sorteo en Tik Tok e/ou Instagram. No comentario deberase incluír a seguinte información:
– O cancelo #ComercioGalego.
– O nome do establecemento comercial en se que fixo a compra e a localidade.
– A conta de Tik Tok ou Instagram dunha persoa que a persoa participante considere que pode estar interesada neste sorteo. Non se poderán mencionar contas falsas nin contas profesionais ou de personaxes públicas.
Haberá un sorteo en Tik Tok e outro en Instagram.
Unha mesma persoa pode participar no sorteo tanto en Tik Tok como en Instagram, pero só pode resultar gañadora dun premio. Por ese motivo, se a persoa gañadora é a mesma nas dúas redes, manterá a súa condición de gañadora en Tik Tok, pero perderá a súa condición de gañadora en Instagram, e considerarase gañadora en Instagram a persoa suplente correspondente ao sorteo realizado nesta rede.
9. Regras de conduta.
Neste sorteo rexeitaranse os contidos que poidan considerarse ofensivos, obscenos, inapropiados, racistas, vulgares, xenófobos, sexistas e/ou violentos, así como aqueles que atenten contra a dignidade e o decoro e os que poidan ferir sensibilidades; os que sexan contrarios á lei, á moral ou á orde pública; os que sexan contrarios aos dereitos de terceiros, sen o seu consentimento; os que sexan contrarios á honra e/ou á imaxe de persoas físicas ou xurídicas; os que faciliten información de carácter persoal, propia ou de terceiros, e os que impliquen realizar unha actividade comercial, así como a súa publicidade, que non teña relación con este sorteo. Estes contidos quedarán automaticamente descualificados e non se terán en conta para a participación neste sorteo.
Non se aceptará a participación de contas duplicadas ou falsas nin a utilización de contas non lexítimas creadas para a promoción en Tik Tok ou Instagram. A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de descartar a participación neste sorteo daqueles perfís que se consideren fraudulentos. Considerarase unha persoa usuaria como maliciosa cando se faga patente que está a levar a cabo as actividades relacionadas con este sorteo dun modo antinatural ou artificial mediante, por exemplo, o uso de bots ou sistemas automáticos que posteen en Tik Tok ou Instagram sen control expreso da persoa usuaria.
Así mesmo, queda prohibido:
– Engadir comentarios ou etiquetas promocionais na conta de Tik Tok ou Instagram da Xunta de Galicia que non teñan relación co obxecto deste sorteo.
– Postear comentarios descualificativos sobre os comentarios doutras persoas participantes.
– Postear comentarios irrelevantes ou que poidan ser considerados spam.
A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de decidir se os comentarios das persoas participantes cumpren os requisitos de contido estipulados neste artigo e poderá eliminar os comentarios e/ou cancelar a participación no sorteo de calquera persoa usuaria en calquera momento, sen aviso previo nin dereito a indemnización ningunha en caso de incumprimento.
A Xunta de Galicia non realizará ningún labor editorial sobre os contidos xerados polas persoas participantes neste sorteo e non asumirá ningún tipo de responsabilidade relacionada con eles.
10. Sorteo.
O sorteo realizarase a través dunha plataforma como app Sorteos (https://app-sorteos.com/es), EasyPromos (https://www.easypromosapp.com/es/) ou similar.
11. Comunicación das persoas gañadoras.
A comunicación das persoas gañadoras realizarase a través das redes sociais (Tik Tok e Instagram) da Xunta de Galicia.
As persoas gañadoras terán un prazo máximo de 24 horas para contactar de xeito privado coa Xunta de Galicia a través de Tik Tok (as persoas gañadoras en Tik Tok) e a través de Instagram (as persoas gañadoras en Instagram) para indicar se aceptan ou non o premio e deberán comunicar os datos persoais que sexan necesarios para verificar o cumprimento dos requisitos de participación establecidos neste artigo e proceder á entrega do premio.
Pasado o dito prazo, as persoas gañadoras non poderán reclamar o premio e, neste caso, considerarase gañadora a persoa suplente que corresponda; este proceso repetirase, se é necesario, ata esgotar as persoas suplentes, sen prexuízo do dereito da Xunta de Galicia de declarar nesta situación deserto o sorteo. Do mesmo xeito se procederá se algunha persoa gañadora rexeita o premio.
A Xunta de Galicia non se fai responsable de non poder contactar coas persoas gañadoras e, por conseguinte, de que non se lles poidan outorgar os premios.
As persoas gañadoras consenten expresamente que a Xunta de Galicia poida utilizar o seu nome e apelidos e/ou o seu nome de usuario en Tik Tok e/ou Instagram en calquera actividade publicitaria ou promocional relacionada con este sorteo en calquera medio, sen que as ditas actividades lles confiran ningún dereito de remuneración ou beneficio, exceptuando a entrega dos premios gañados de conformidade co disposto nestas bases.
12. Condicións e incidencias.
A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de modificar, cancelar e/ou suspender este sorteo se concorren circunstancias excepcionais que así o aconsellan, e comunicará as devanditas circunstancias nas redes sociais (Tik Tok e Instagram) de xeito que se evite calquera prexuízo para as persoas participantes.
A Xunta de Galicia non responderá dos casos de forza maior que lles poidan impedir ás persoas gañadoras desfrutar dos seus premios. Así mesmo, queda exonerada de toda responsabilidade polos danos e perdas que poidan derivar do funcionamento das súas contas de Tik Tok e Instagram, dos erros cuxa responsabilidade sexa das persoas participantes neste sorteo, dos erros de seguridade que se poidan producir e dos danos que se lles poidan causar ao sistema informático das persoas participantes ou de terceiros ou aos ficheiros ou documentos que se almacenen como consecuencia dun virus no terminal das persoas participantes durante o seu acceso á participación neste sorteo.
A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de emprender accións xudiciais contra aquelas persoas que realicen calquera tipo de acto susceptible de ser considerado manipulación, fraude ou falsificación deste sorteo.
13. Consulta das bases.
As bases de participación neste sorteo publicaranse no Portal do Comercio Galego (https://comercio.xunta.gal) e nas redes sociais (Tik Tok e Instagram) da Xunta de Galicia.
14. Fiscalidade dos premios.
Os premios obtidos en virtude deste sorteo están suxeitos aos impostos e retencións establecidas segundo a normativa vixente. As persoas gañadoras están obrigadas ao cumprimento das súas obrigas fiscais; a Xunta de Galicia é allea a esta responsabilidade.
15. Desvinculación con Tik Tok ou Instagram.
Nin Tik Tok nin Instagram patrocinan, avalan ou administran de ningún modo este sorteo, nin están asociados a el. As persoas participantes desvincúlanse totalmente de Tik Tok e Instagram e son conscientes de que están proporcionando a súa información á Xunta de Galicia.
16. Protección de datos.
As persoas participantes autorizan o tratamento dos seus datos persoais de conformidade coa lexislación vixente coa finalidade de levar a cabo o sorteo regulado neste artigo. A Xunta de Galicia, Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten a condición de responsable do tratamento.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga) e no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As persoas interesadas poderán solicitar ante o/a responsable acceder, rectificar ou suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais
As persoas interesadas poderán consultar máis información e contactar co delegado de Protección de Datos (DPD) na páxina https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
17. Xurisdición competente.
Para o coñecemento de calquera litixio que se poida suscitar en canto á interpretación ou aplicación das bases deste sorteo, tanto a Xunta de Galicia como as persoas participantes sométense expresamente á xurisdición e competencia dos xulgados e tribunais da Coruña, con renuncia expresa a calquera outro foro que lles poida corresponder.
Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3. b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, para resolver a concesión ou denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de perda de dereito ao cobramento e de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
