O delegado territorial da Xunta participa na presentación dos ‘Xogos Deportivos Inclusivos Sportur Galicia’

Manuel Pardo destaca o importante papel que xoga o deporte para conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade

O delegado territorial gabou esta iniciativa que reforza o traballo da Xunta en prol do deporte adaptado e inclusivo como demostra o Programa Xogade que xunta a oferta deportiva federada e escolar para os rapaces entre 6 e 16 anos e que garante a participación de todas as persoas con diversidade funcional

Sportur Galicia divídese así en dúas partes e celebra no mes de maio a área deportiva e práctica, deixando para o mes de decembro a súa compoñente máis profesional a través do VII Congreso Internacional de Turismo e Deporte

Ourense, 26 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, participou esta mañá na Delegación Territorial, na presentación de Sportur Galicia, evento vencellado ao IX Salón do Turismo e Deporte Activo, que por segundo ano consecutivo estará dedicado aos Xogos Deportivos Inclusivos, e que se desenvolverá no recinto feiral de Expourense dende o 28 ata o 30 de maio.

O delegado territorial destacou o importante papel que xoga o deporte para conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade e garantiu o apoio do Goberno galego ás actividades deportivas pola súa relevante contribución a derrubar barreiras e fomentar a integración.

Sportur Galicia divídese así en dúas partes e celebra no mes de maio a área deportiva e práctica, deixando para o mes de decembro a súa compoñente máis profesional a través do VII Congreso Internacional de Turismo e Deporte e da área expositiva vencellada co turismo. Congreso e exposición están previstas para o 3 e 4 de decembro de 2026.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos, que ademais de contribuír a situar ao deporte como ferramenta inclusiva, sirve de escaparate a unha vintena de federacións deportivas de toda a comunidade  para a súa promoción, a través do desenvolvemento de  exhibicións, adestramentos e clases abertas para os visitantes.

Manuel Pardo gabou esta iniciativa que reforza o traballo da Xunta en prol do deporte adaptado e inclusivo como demostra o Programa Xogade que xunta a oferta deportiva federada e escolar para os rapaces entre 6 e 16 anos e que garante a participación de todas as persoas con diversidade funcional. O mandatario galego asegurou aos rapaces e rapazas que actividades coma estas transmiten valores tan importantes como “a tolerancia, o respecto, a resiliencia e a capacidade de superación” e lembrou aos máis pequenos que o deporte é “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas”.

Participantes

Ademais da participación de escolares de Primaria e Secundaria de distintos centros escolares da provincia de Ourense, está confirmada a participación de membros de distintas entidades con diversidade funcional ou que representan a colectivos específicos. Participarán nesta segunda edición de Xogos Deportivos: Fundación San Rosendo (Los Milagros e Unidade Terapéutica San Rosendo); Down Ourense; Asociación Trama; Fundación Secretariado Gitano; Centro de Menores Monteledo; Hospital Saúde Mental do Sergas; Centro de Menores da Cruz Vermella de Verín.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026