A Xunta recibe 9 ofertas para a construción de 73 novas vivendas públicas en San Paio de Navia, que contan cun investimento de 15,7 M€

Trátase de dous inmobles de 49 e 24 vivendas que se construirán no Polígono 2 de Navia

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

A Xunta recibiu 9 ofertas de empresas para a construción de 73 novas vivendas de promoción pública no barrio de San Paio de Navia, en Vigo, cun investimento de 15,7M€.

En concreto, construiranse dous inmobles para 49 e 24 vivendas públicas no Polígono 2 de San Paio de Navia. No primeiro caso, o edificio contará cunha vivenda de 1 dormitorio, 29 de 2 (das que 2 serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida), 13 vivendas de 3 dormitorios e 6 de 4 estancias.

No que atinxe ao inmoble de 24 vivendas, serán 20 de 3 dormitorios e 4 vivendas de 2 estancias (1 delas adaptada).

Hai que lembrar que son máis de 900 os futuros fogares públicos xa en marcha nos Polígonos 1 e 2 de San Paio de Navia, dos que 309 xa están en obras, do total de 4.000 en Galicia coas que o Goberno galego avanza no compromiso de duplicar o parque público residencial.   

Data de actualización: 26/05/2026