A conselleira de Política Social e Igualdade presentou hoxe esta iniciativa en colaboración co Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)
Fabiola García avanza que as bolsas formativas `O Noso Canto´ impulsarán a incorporación de mulleres profesionais nos ámbitos máis masculinizados da industria musical
É un programa integral de formación especializada, individualizada e acompañamento profesional para o que nesta primeira edición convócanse tres bolsas en tres itinerarios diferenciados: técnico, creativo e produción e xestión
O prazo de presentación das solicitudes estará aberto desde mañá, 27 de maio, ata o día 10 de xuño e toda información poderá atoparse en www.agem-musica.com
Vigo, 26 de maio do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, animou hoxe ás Administracións públicas e ao tecido empresarial a “pisar o acelerador para que o talento feminino estea presente en todos os ámbitos da industria musical como motor de crecemento e de produtividade do sector”. Fíxoo na presentación do programa de bolsas formativas O Noso Canto para o impulso do talento feminino en sectores masculinizados da industria musical.
Durante o acto, no que tamén participou a presidenta da AGEM, Patricia Hermida, Fabiola García destacou que Galicia “vive un momento extraordinario no eido musical, pero aínda quedan fendas que debemos afrontar con decisión”. Ao respecto, asegurou que as mulleres levan décadas demostrando o seu talento enriba e detrás dos escenarios, pero os espazos técnicos, de produción, xestión ou toma de decisións seguen estando fortemente masculinizados.
A Xunta de Galicia, coa finalidade de contribuír a unha maior presenza feminina nestes ámbitos, lanza en colaboración con AGEM estas bolsas formativas, convencida de que cando o talento dun territorio, a capacidade de organización do sector e o compromiso institucional avanzan na mesma dirección, os resultados deixan de ser puntuais e convértense en transformación.
Pola súa banda, a presidenta de AGEM valorou o traballo de institucións públicas como a Xunta en materia de igualdade, “que nos últimos anos vén desenvolvendo iniciativas orientadas non só a promover a participación, senón tamén a facer visibles referentes e ampliar os espazos nos que as mulleres están presentes”.
Programa integral de formación especializada e a medida
As bolsas formativas O Noso Canto configúranse como un programa integral de formación especializada, individualizada e acompañamento profesional, orientado á capacitación e á proxección profesional dentro da industria musical galega.
Nesta primeira edición convócanse tres bolsas, estruturadas en tres itinerarios diferenciados: o técnico, orientado a ámbitos como sonorización, gravación, produción técnica, masterización, iluminación e outros postos técnicos da industria musical; o creativo, enfocado á composición, interpretación, creación musical, produción musical, dirección artística e desenvolvemento de proxectos creativos; e o de produción e xestión, centrado na produción, programación e distribución profesional.
O programa terá unha duración total de 45 horas, desenvolverase entre os meses de xuño e novembro e combinará formación en liña con actividades presenciais en Galicia. Poderán participar mulleres maiores de idade residentes en Galicia que teñan interese ou traxectoria vinculada coa industria musical. As candidatas terán que elixir o itinerario ao que desexen optar e, unha vez tomada esa decisión, enviar unha proposta profesional indicando de maneira expresa a área concreta de especialización, así como os seus coñecementos e obxectivos profesionais.
O prazo comeza a partir de mañá, día 27 de maio ata o 10 de xuño e toda información poderá atoparse en www.agem-musica.com. O proceso de selección realizarase mediante concorrencia competitiva e valorará aspectos como a traxectoria, a proposta de desenvolvemento profesional, a motivación e o potencial de impacto do programa na participante.
Máis de 50 entidades e profesionais participaron a presentación
A presentación tivo lugar hoxe no estudo Planta Sónica en Vigo, un lugar de referencia na música no que gravaron artistas galegas como Cristina Pato, Susana Seivane, Carlos Núñez ou Herdeiros da Crus; estatais como Amaral e Alizz, así como recentemente C. Tangana, que gravou neste estudo o himno do centenario do Celta: Oliveira dos Cen Anos.
O acto estivo arroupado por máis de 50 profesionais e empresas de referencia da escena musical galega, así como de gran parte do tecido asociativo de Galicia –Músicas ao Vivo, Clubtura, AGATEC–. Por parte da Xunta, tamén asistiron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana.
Ademais, contou coas experiencias e reflexións de tres profesionais de referencia en Galicia: Teresa Tresandí, iluminadora e recente premio ao Mellor Deseño de iluminación nos I Premios da Industria Musical de Galicia polo espectáculo Diluvio de Tanxugueiras; Victoria Blanco, directora de xira de Baiuca, así como produtora e coordinadora en Mas Galicia, e que tamén estivo nomeada aos premios na categoría de Mellor profesional da produción; e Elba Souto, coñecida artisticamente como ELBA, cunha sólida traxectoria na creación e produción musical e no desenvolvemento de proxectos artísticos, convertendo a creación nun espazo de investigación, narrativa e expresión artística.
O Noso Canto: un proxecto de continuidade
A iniciativa O Noso Canto comezou fai un ano con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres, en forma de proxecto musical. Creado integramente por mulleres en todas as fases do proceso creativo —desde as primeiras ideas, compostas por Belém Tajes, ata a produción musical e os procesos finais de son— e no que participaron máis de trinta artistas e instrumentistas galegas.
Esta proposta contou coa implicación de artistas de distintas xeracións e estilos musicais, que sumaron talentos para crear dúas cancións Aperta e Latexo, que finalmente se fusionan nunha única composición: O Noso Canto. Así mesmo, este mesmo ano celebrouse a primeira edición do Concurso escolar O Noso Canto: máis voces, máis igualdade, no que se deron cita centros de ensino de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.