Medio Rural destaca as axudas á apicultura como panca para mellorar a competitividade das explotacións e fomentar o incremento desta actividade

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo un encontro coa presidenta da Asociación Apícola Abellas Nais, que recibiu desde o ano 2021 máis de 600.000 euros a través destas liñas de achega

Os principais obxectivos destas axudas son o mantemento e o impulso desta actividade en Galicia, polos moitos beneficios que as abellas achegan dende o punto de vista ambiental e económico

A convocatoria desde ano está dotada cun orzamento de 1,4 millóns de euros

San Cibrao das Viñas (Ourense), 26 de maio de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou as instalacións de Miel Casa Merche, situadas no concello de San Cibrao das Viñas, e propiedade da presidenta da Asociación Apícola Abellas Nais, Mercedes Alonso. Alí puxo en valor as axudas á apicultura da Consellería do Medio Rural para mellorar a competitividade das explotacións.

Neste sentido, o director xeral explicou que a Asociación Apícola Abellas Nais, que conta con máis de 150 socios, recibiu desde o 2021 máis de 600.000 euros a través desta liña de achegas. Cómpre salientar que os principais obxectivos destas axudas son o mantemento e o fomento desta actividade en Galicia, polos moitos beneficios que as abellas achegan dende o punto de vista ambiental e económico.

A convocatoria 2026 deste ano está dotada cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros e financiaranse as actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos inclusive, período dunha campaña apícola. Con elas apoiarase aos apicultores en cuestións como servizos de carácter técnico; investimentos en activos materiais e inmateriais, entre os que se inclúe a loita contra invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose; actuacións de análise que permitan incrementar o número de abellas ou a súa produción; a promoción, comunicación e comercialización dos produtos e as actividades que permitan incrementar a súa calidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026