Valeriano Martínez recibe un recoñecemento póstumo polo seu compromiso co emprego público inclusivo
O acto tivo lugar no marco da xornada Construíndo Emprego, organizada por Fademga, que pon en valor o acceso ao emprego das persoas con discapacidade intelectual
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, recolleu o premio en representación da familia do finado
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
Valeriano Martínez recibiu hoxe, na Cidade da Cultura, un recoñecemento póstumo polo seu compromiso co emprego público inclusivo. O acto tivo lugar no marco da xornada Construíndo Emprego, organizado pola Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia). O encontro pon en valor o acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, un empeño co que o finado amosou unha especial sensibilidade durante toda a súa carreira profesional.
Durante o seu tempo como conselleiro con responsabilidade no emprego público, Valeriano Martínez asumiu o compromiso legal de reservar non menos do 7 % das prazas convocadas para ser cubertas por persoas con discapacidade, ata acadar o 2 % dos efectivos totais. E, entre ese 7 %, polo menos o 2 % se reserve para persoas con discapacidade intelectual.
Foi tamén durante o seu mandato cando se convocou o primeiro proceso selectivo para persoas con discapacidade intelectual na Administración xeral de Galicia e creouse, no seo desta administración, a escala de Persoal de Servizos Xerais, sendo unha das escalas nas que se ten realizado procesos selectivos para persoas con discapacidade intelectual.
Durante o acto, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que recolleu o premio en representación da familia do finado, lembrou que Valeriano Martínez promoveu un intenso reforzo dos servizos públicos e, ao tempo, a implantación de medidas de mellora das condicións de traballo dos empregados públicos. “Trouxo á administración xeral unha cultura de negociación colectiva que se concretou na sinatura dun gran número de pactos e acordos”, abundou. Nese eido, recordou que o seu antecesor no cargo tivo unha especial sensibilidade coa inclusión. “De feito, como conselleiro aprobou a primeira oferta de emprego público específica para persoas con discapacidade intelectual hai agora dez anos”.
Galardóns para a Xunta
A xornada conmemora os 25 anos da creación do Servizo de Emprego e Formación de Fademga, que quixo recoñecer ás persoas, empresas e institucións que fixeron posible o acceso ao emprego ordinario das persoas con discapacidade intelectual. Neste ámbito, a Consellería de Facenda e Administración Pública, recibiu un galardón, recollido pola directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, quen agradeceu o premio e quixo, ao mesmo tempo, recoñecer o labor de Fademga, pola súa disposición a colaborar. “Todo o conseguido ata agora en materia de integración no ámbito do emprego público”, afirmou “non sería posible sen a colaboración desta Federación”.
No acto tamén estivo o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, que interveu na inauguración, así como a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, que tomou parte no panel arredor das alianzas empresariais que abriron camiño ao emprego con apoio en Galicia, ademais de recoller o recoñecemento concedido por Fademga á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Ambos representantes autonómicos puxeron en valor a traxectoria da entidade en beneficio das oportunidades laborais das persoas con discapacidade, reafirmando o compromiso e apoio da Xunta para garantir o seu asesoramento e a inserción efectiva no mercado de traballo.