A Xunta pecha en Pontevedra as xincanas urbanas da iniciativa ‘Localízate’ para concienciar a mocidade sobre a importancia do comercio local
Pontevedra, 26 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na última xincana urbana de 2026 dentro da iniciativa autonómica Localízate! no teu comercio local, dirixida a fomentar entre a mocidade o coñecemento e a valoración do comercio de proximidade. Nunha xornada na que tamén tomou parte o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o alumnado participante completou unha carreira por equipos polas principais rúas comerciais e prazas de abastos da cidade pontevedresa, durante a que tiveron que resolver diferentes probas en contacto estreito cos comercios colaboradores.
Dentro das accións previstas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, estas xincanas constitúen a segunda fase do programa, despois de Localízate! na aula, na que este curso participaron 2.175 alumnos e alumnas de ESO e FP Básica analizando e propoñendo ideas innovadoras para impulsar o comercio de proximidade. En cada cidade participan as aulas cos traballos mellor valorados polo xurado.