Belén do Campo destaca a gran calidade e orixinalidade dos finalistas da IV Ruta de Tapas CTV 2026 na gran final celebrada no museo MEGA

O establecemento gañador recibiu un premio de 1.000 euros e obtivo ademais a clasificación directa para representar á Coruña no Campionato Nacional Hostalería de España de Tapas e Pinchos, que se celebrará en Madrid Fusión 2027

A Coruña, 26 de maio de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou esta tarde na gran final do Concurso de Tapas enmarcado dentro da IV Ruta de Tapas CTV 2026, unha iniciativa impulsada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña co obxectivo de identificar a tapa que mellor represente á cidade e poñer en valor o talento gastronómico local.

O acto celebrouse nas instalacións do Museo MEGA de Estrella Galicia, escenario escollido para acoller a fase final dun certame que este ano bateu todos os récords de participación, superando os 250 establecementos hostaleiros inscritos, consolidándose así como o concurso de tapas máis multitudinario de España.

Durante a súa intervención, a representante autonómica destacou “a capacidade do sector hostaleiro coruñés para innovar sen perder a esencia da tradición gastronómica galega”, e puxo en valor “o esforzo colectivo de profesionais, asociacións e empresas que contribúen a dinamizar a economía local e reforzar a identidade culinaria da Coruña”.

A Ruta de Tapas CTV (Coruñesa de Toda a Vida) celebrouse entre os días 15 e 24 de maio mediante un sistema de votación popular aberto á cidadanía, do que saíron seleccionadas as cinco propostas finalistas que competiron nesta última fase: Atelier de Amanda, Atípico Restaurante, La Sifonería Gastrobar, Roots Coruña e Taberna Do Campo. As tapas participantes debían estar elaboradas con produtos de proximidade e acompañadas obrigatoriamente por cervexa Estrella Galicia ou viños seleccionados da firma.

A delegada felicitou á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña polo crecemento “exponencial” desta iniciativa desde a súa primeira edición, subliñando que “a gastronomía é tamén cultura, turismo e promoción do territorio”.

O establecemento gañador recibiu un premio de 1.000 euros e obtivo ademais a clasificación directa para representar á Coruña no Campionato Nacional Hostalería de España de Tapas e Pinchos, que se celebrará en Madrid Fusión 2027.

A Xunta reafirma así o seu apoio ás iniciativas que impulsan o produto local, o emprendemento hostaleiro e a promoción de Galicia como destino gastronómico de referencia

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026