A directora da Axencia Galega de Innovación e a delegada da Xunta en Ferrol participaron no acto de presentación de resultados e da nova fase do centro mixto de investigación
A Xunta apoia con 1,6 M€ a continuidade do centro mixto de investigación da Universidade da Coruña, Navantia e STGO para avanzar no estaleiro do futuro
Esta alianza en materia de I+G+i é a máis lonxeva das que leva apoiado o Goberno autonómico desde 2014 cun investimento de máis de 4,6 M€
Nesta nova fase de consolidación do centro mixto de investigación, continuarán avanzando na implantación do xemelgo dixital, a intensificación das novas tecnoloxías dixitais e o desenvolvemento de buques e produtos intelixentes
Ferrol, 27 de maio de 2026
A Xunta de Galicia apoia con 1,6 M€ o traballo conxunto da Universidade da Coruña (UDC) con Navantia nunha nova fase do centro mixto de investigación, na que se incorpora a empresa STGO, para avanzar no estaleiro do futuro. Culminar a transformación dixital do estaleiro ferrolán, consolidando as tres grandes liñas de investigación en marcha sobre os xemelgos dixitais de planta e de buque e novos procesos vencellados a son os principais obxectivos ata 2028.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou esta mañá, na xornada de presentación de resultados da fase de creación do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (2022-2026) e da presentación da nova fase de consolidación do centro (2026-2028), que esta alianza entre a Universidade da Coruña e o estaleiro ten contribuído á mellora da competitividade da industria naval galega e a aumentar as capacidades da universidade, xerando riqueza e emprego en Galicia e sendo exemplo da nosa I+G+i.
Carmen Cotelo, que participou neste acto xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, subliñou o compromiso de todas as partes por manter e fortalecer esta colaboración estable entre Universidade e empresa, a máis lonxeva das apoiadas polo Goberno autonómico, o que evidencia, segundo as súas palabras, a grande utilidade deste instrumento de apoio, as unidades mixtas de investigación, que desde 2014 teñen permitido mobilizar máis de 180 M€ e dar emprego a preto de 1000 profesionais, a través de 64 unidades mixtas de investigación, avanzando así na Galicia Calidade. Ao acto asistiron o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro; o CEO de STGO, Pablo González, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares.
Neste caso, a alianza entre a Universidade da Coruña, Navantia e a peme STGO Diseño y Multimedia contan cun orzamento de 4,1 M€, dos que a Xunta achega 1,6 M€, coa creación de 24 postos de traballo: 17 formalizados na anterior fase e sete novos. Os obxectivos ata 2028 son seguir avanzando na implantación do xemelgo dixital aplicado ao produto, á planta, aos procesos e ás persoas, ademais de intensificar a aplicación das novas tecnoloxías dixitais como realidade virtual, aumentada e mixta, a IA, a simulación de procesos e produtos e continuar desenvolvendo tanto produtos como servizos intelixentes. En total, desde a súa posta en marcha no ano 2015, esta unidade mixta leva investidos 12,7 M€ na modernización do estaleiro, cun apoio da Xunta de 4,6 M€, que se suma a outra axuda concedida ao estaleiro por importe de 2,5 M€ no 2019.
Balance dos logros acadados
A Unidade Mixta UDC-Navantia O Estaleiro do Futuro xurdiu ao abeiro da convocatoria de axudas para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación da Axencia Galega de Innovación do ano 2015 para dar resposta á inquedanza de Navantia de comezar un profundo proceso de transformación baseado na innovación.
Na fase de creación melloráronse os procesos produtivos, desenvolvéronse outros novos que permitiron incrementar a produtividade e reducir tempos de fabricación e custos, en especial para afrontar o desafío técnico-industrial do programa de fragatas F-110 para a Armada. Nestes anos (2015-2018) implantáronse modelos de simulación de procesos, a posta en marcha do chamado proxecto sen cables ou o desenvolvemento da tecnoloxía TagWAN. En canto ao impacto na UDC, a excelencia dos resultados conseguidos apóiase nos 10 artigos publicados en revistas especializadas, 16 traballos en congresos nacionais e internacionais de especial relevancia e catro teses doutorais presentadas.
A unidade mixta consolidouse no período 2018-2021, tamén co apoio da Xunta. Nesta fase patentouse a tecnoloxía TagWAN, unha plataforma de localización e rastrexabilidade hardware e software de longo alcance e baixo consumo enerxético. Ademais da patente, conseguiuse un rexistro industrial, cinco procedementos industriais desenvolvidos, tres algoritmos, 10 modelos/piloto, máis de 95 publicacións, catro teses defendidas e sete máis en curso e máis de 50 presentacións en congresos. Xa no período 2022-2026 constituíuse como centro mixto e chega agora á fase de consolidación.
11 M€ para apoiar dez unidades de investigación
O Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia é unha das dez iniciativas apoiadas na última convocatoria da liña de axudas de unidades mixtas de investigación, cofinanciada por fondos europeos no marco do Plan Galicia Feder 21-27. A través desta resolución, a Xunta apoia a creación de sete novas unidades mixtas, a consolidación dunha existente e a creación ou consolidación de dous centros mixtos de investigación. Cun investimento público de 11 M€ agárdase unha mobilización de capital público-privado de máis de 27,6 M€. As unidades mixtas desenvolverán os seus proxectos en sectores estratéxicos como a saúde, a alimentación, a enerxía, a mobilidade sostible, a acuicultura ou o naval.