Belén do Campo destaca o impacto cultural, turístico e económico de Coruña Sounds como un dos grandes eventos musicais de Galicia
A delegada da Xunta lembrou que Coruña Sounds conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, unha iniciativa que permite achegar a Galicia actuacións de destacados artistas nacionais e internacionais
A Coruña, 27 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na presentación dunha nova edición de Coruña Sounds, un ciclo musical xa consolidado como unha das principais citas culturais da cidade e do conxunto de Galicia.
Durante a súa intervención, a representante autonómica puxo en valor o labor da organización, das institucións colaboradoras e de todas as persoas implicadas na celebración dun evento que “contribúe a que A Coruña continúe sendo un referente cultural e musical de primeiro nivel”.
A delegada destacou que Coruña Sounds “é moito máis que unha sucesión de concertos”, xa que se trata dun proxecto que sitúa a cidade no mapa dos grandes eventos musicais do país e que, ao longo dos últimos anos, experimentou un importante crecemento ata converterse nun dos grandes atractivos culturais do verán galego.
Neste sentido, subliñou a singularidade do escenario do peirao de Batería, no Porto da Coruña, que permite combinar música en directo, patrimonio marítimo e a apertura da cidade ao mar nun formato moderno e atractivo, cun importante impacto social, cultural e económico.
A representante da Xunta incidiu tamén na capacidade do ciclo para atraer artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel, así como milleiros de asistentes procedentes de toda Galicia e doutras comunidades autónomas, xerando actividade económica para sectores como a hostalaría, o comercio e a oferta hoteleira da cidade.
Apoio da Xunta a través dos Concertos do Xacobeo
A delegada lembrou que Coruña Sounds conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, unha iniciativa que permite achegar a Galicia actuacións de destacados artistas nacionais e internacionais.
“Moitas destas actuacións non serían posibles sen esta colaboración institucional”, sinalou, ao tempo que reafirmou o compromiso do Goberno galego co impulso de grandes eventos culturais que contribúan á dinamización económica, á promoción turística e á creación de emprego.
Neste marco, destacou que a Xunta continúa apostando por unha programación cultural potente e descentralizada, que chegue ao conxunto do territorio galego e que favoreza o acceso da cidadanía a propostas culturais de calidade.
Un cartel de primeiro nivel
A edición deste ano contará cun cartel de grande relevancia que incluirá a actuación de Megadeth hoxe mércores 27 de maio no Coliseum, unha das bandas máis influentes da historia do heavy metal internacional.
Xa no verán, o 18 de xullo, o peirao de Batería acollerá o concerto de Alejandro Sanz, única actuación do artista en Galicia, tras o seu gran éxito en México, dentro da súa nova xira, “Y ahora que” que chegará a 11 cidades de España, e un dos eventos musicais máis destacados do ano no norte peninsular.
A programación completarase en decembro coa presenza de Víctor Manuel no Palacio da Ópera, unha das figuras imprescindibles da música española e referente para varias xeracións.
Cultura como motor de desenvolvemento
A delegada territorial concluíu destacando que a Xunta de Galicia continuará apoiando iniciativas como Coruña Sounds porque “a cultura é un elemento estratéxico de país”. Neste sentido, lembrou que a música en directo é tamén industria cultural, turismo, promoción exterior e xeración de oportunidades.
Así mesmo, resaltou que ciclos como este contribúen a proxectar unha imaxe moderna, dinámica e atractiva da Coruña e de Galicia, reforzando a capacidade da comunidade para acoller grandes eventos e consolidarse como destino cultural de referencia baixo o selo de Galicia Calidade.
Finalmente, mostrouse convencida de que esta nova edición volverá ser un éxito tanto de público como de organización e animou á cidadanía a participar nunha programación “pensada para todos os gustos e para todas as xeracións”.