O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participa hoxe en Madrid na Conferencia sectorial de emprego e asuntos laborais
A Xunta reclama ao Goberno un reforzo dos fondos para formación co fin de facilitar a plena integración laboral das persoas migrantes regularizadas
José González pon de manifesto que o escenario de regularización extraordinaria require tamén dotar ás CCAS de máis recursos para potenciar as políticas activas de emprego que favorezan a súa inserción en liña co mercado laboral
Tamén remarca que, na distribución dos fondos para 2026 que se aborda hoxe, o Estado atenderá a reclamación de Galicia para evitar que a minoración detectada nos recursos asignados en 2024 condicione os futuros repartos
O conselleiro destaca o elevado esforzo realizado polo Goberno galego na execución de medidas orientadas á mellora da empregabilidade, á orientación laboral e á formación para o emprego, co foco en colectivos prioritarios
Con todo, a Xunta segue a reclamar ao Estado que os criterios de distribución destes fondos teñan en conta as singularidades territoriais, demográficas e produtivas das diferentes rexións, así como unha menor rixidez nos criterios de execución
Precisamente, a pasada semana solicitouse nunha reunión coa secretaria xeral de Formación Profesional que unha parte destes fondos poida empregarse nun piloto de microformacións con clústeres estratéxicos, opción que o marco actual non permite
Madrid, 27 de maio de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participa hoxe na LXXXVII Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais —órgano de cooperación entre a Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas en materia de política de emprego— na que se aborda, entre outros asuntos, a distribución dos fondos estatais destinados ás políticas activas de emprego e ás accións de prevención de riscos laborais para o exercicio 2026.
En declaracións previas á reunión, José González destacou a relevancia deste espazo de coordinación entre o Executivo estatal e as comunidades autónomas en materia de emprego e formación, e sinalou que Galicia deixará constancia da necesidade de que o Estado reforce os fondos finalistas destinados á formación para o emprego no marco do proceso aberto polo Goberno central de regularización masiva da situación administrativa de persoas migrantes que se atopaban en España en situación irregular. Trátase, indicou, dunha realidade que incrementará a presión sobre os servizos públicos de emprego e que esixe unha resposta eficaz e coordinada desde os territorios para favorecer unha inserción sociolaboral plena, a través dunha formación adaptada ás necesidades reais do mercado laboral galego e orientada á mellora da empregabilidade.
Así mesmo, o conselleiro puxo en valor o elevado esforzo realizado polo Goberno galego na execución de medidas orientadas á mellora da empregabilidade, á orientación laboral, á formación para o emprego e ao acompañamento das persoas desempregadas, dando cumprimento aos obxectivos establecidos no Plan Anual para o Fomento do Emprego Digno (PAFED). Con todo, remarcou de novo que a Xunta segue a reclamar ao Estado que os criterios de distribución dos fondos teñan en conta as singularidades territoriais, demográficas e produtivas das comunidades autónomas para incrementar a eficacia das políticas activas de emprego.
Neste sentido, defendeu a participación activa das comunidades autónomas na revisión e mellora dos mecanismos de reparto e salientou que no correspondente a 2026 —que se aborda hoxe— o Estado atendeu a reclamación formulada por Galicia tras detectar a Xunta unha minoración nos fondos asignados ás políticas activas de emprego en 2024, incorporando para os futuros repartos as bases de cálculo defendidas pola comunidade. Este axuste, subliñou o conselleiro, resulta clave para os intereses de Galicia, xa que o sistema actual toma como referencia asignacións de exercicios anteriores, o que permitirá evitar futuros prexuízos na distribución dos recursos.
Flexibilización da formación para o emprego
A Conferencia Sectorial de hoxe ten lugar tras a reunión mantida a pasada semana entre o conselleiro de Emprego e a secretaria xeral de Formación Profesional, Esther Monterrubio, na que Galicia trasladou ao Goberno central a necesidade de flexibilizar os fondos finalistas destinados á formación para o emprego e de adaptalos mellor ás necesidades reais das empresas e das persoas traballadoras. Neste marco, a Xunta solicita que unha parte destes fondos poida empregarse na impartición de graos A en colaboración directa con clústeres e entidades sectoriais estratéxicas, algo que na actualidade non é posible pola súa rixidez. Deste xeito, Galicia podería consolidar un modelo desenvolvido con éxito desde 2022 mediante formacións non formais con estas entidades, e que só na última edición permitiu formar arredor de 17.000 persoas en ámbitos clave como a automoción, as enerxías renovables, o metal ou as TIC.
José González reiterou o compromiso da Xunta cun modelo de formación útil, flexible e aliñado coas necesidades do tecido empresarial, no marco do proceso de redeseño da formación para o emprego que impulsa Galicia tanto para persoas ocupadas como desempregadas.