Na inauguración do II Taller de Cooperación Turística Internacional de Asicotur

A Xunta salienta o crecente impacto internacional da marca Galicia Calidade asociada ao turismo galego

O director de Turismo de Galicia participou na inauguración da xornada que reúne hoxe e mañá a numerosos profesionais do sector no Balneario de Lobios

Lobios (Ourense), 27 de maio de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde na inauguración do II Taller de Cooperación Turística Internacional de Asicotur, que reúne hoxe e mañá a numerosos profesionais do sector para debater sobre a cooperación internacional á hora de deseñar destinos turísticos competitivos. No encontro, que este ano ten como obxectivo debater sobre a importancia da imaxe e promoción como ferramentas estratéxicas, Xosé Merelles puxo de manifesto o crecente impacto que está a ter a marca Galicia Calidade asociada ao turismo galego nas contornas internacionais. 

Na súa intervención, Merelles fixo fincapé en como “o turismo é unha actividade económica, pero tamén unha forma de encontro, un vehículo de transformación territorial” e destacau os esforzos realizados desde a Xunta na definición da marca Galicia, “deseñada con traballo, rigor e tendo moi en conta a identidade da súa  xente, para asociala a un turismo de calidade e competitivo”.

“A marca Galicia aglutina toda a nosa oferta turística tanto do litoral como do interior. A nosa natureza, patrimonio e forma de vivir fan que esta marca leve anos sendo recoñecible como un destino auténtico e consolidado”, incidiu.

Nesta definición do destino, Merelles resaltou, tamén o impacto da marca Xacobeo, “que leva anos permitíndonos posicionar o Camiño de Santiago en todo o mundo como atractivo con personalidade propia”, e tamén se referiu a Galicia Calidade, relanzada esta lexislatura cunha nova identidade visual e como marca país, funcionando como “paraugas de identidade que engloba non só a excelencia dos nosos produtos, senón tamén a calidade da experiencia turística, a sostibilidade dos nosos destinos e a autenticidade da nosa cultura”.

Plan de Promoción Turística 2026

Outro dos eixos do encontro é a promoción turística, que, como indicou o director de Turismo, se está a impulsar a través dun Plan Anual de Promoción, dotado con 13M€ para realizar máis de 150 accións en preto de 20 mercados estratéxicos. Este establece como liñas mestras o Xacobeo 2027, a consolidación da marca Galicia Calidade e o impulso do astroturismo, co eclipse solar do 12 de agosto como reclamo. Para isto, reforzarase a presenza en eventos do sector e as viaxes dirixidas a profesionais e prescritores, entre outras actuacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026