Belén do Campo recibe ao Marineda Hockey feminino tras unha tempada histórica co ascenso á OK Liga e a conquista da Copa Princesa
Os representantes da Xunta puxeron en valor o éxito deportivo acadado por unha entidade que, en menos dun ano de traxectoria oficial, conseguiu situarse na elite do hóckey a patíns feminino estatal converténdose nun referente do deporte feminino galego
A Coruña, 27 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo e a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, Mar Ferreiro, recibiron hoxe ás xogadoras, corpo técnico e directiva do Marineda Hockey para felicitalas pola histórica tempada asinada polo club coruñés, culminada co ascenso á OK Liga Ouro feminina, tras garantizarse o pasado 10 de maio o primeiro ou segundo posto do OK Liga Plata a falta de dúas xornadas para que remate a liga , ademais de conquistar a Copa Princesa.
Durante o encontro, os representantes do Goberno galego puxeron en valor o éxito deportivo acadado por unha entidade que, en menos dun ano de traxectoria oficial, conseguiu situarse na elite do hóckey a patíns feminino estatal converténdose nun referente do deporte feminino galego.
Belén do Campo destacou “o esforzo, a ambición e a capacidade de superación dun equipo que demostrou que o traballo, a confianza nun proxecto e o compromiso colectivo permiten acadar metas históricas”. Ademais, subliñou que o Marineda Hockey “é un exemplo para moitas nenas e mozas que ven no deporte unha oportunidade de crecemento persoal e profesional”. A representante do Goberno autonómico incidiu tamén en que “o ascenso do Marineda Hockey supón un orgullo para toda Galicia e confirma o gran momento que atravesa o deporte feminino na comunidade”.
Pola súa banda, Roberto García felicitou ao club pola extraordinaria tempada realizada e salientou “a importancia de seguir impulsando o deporte feminino e apoiar proxectos sólidos que contribúan a fortalecer o tecido deportivo galego”.
O equipo coruñés logrou o ascenso á máxima categoría tras completar unha campaña practicamente perfecta. A Xunta recoñeceu tamén o impacto social e deportivo dunha entidade que, ademais de conquistar a Copa Princesa feminina, conseguiu mobilizar á afección e consolidar un proxecto chamado a competir entre os mellores equipos do panorama nacional.
No ámbito da patinaxe, Galicia conta cun tecido deportivo consolidado e cunha importante presenza feminina. Durante o pasado ano estiveron federados nesta disciplina un total de 6.217 deportistas, dos que preto de 4.300 son mulleres e algo máis de 1.900 homes. Ademais, existen 106 clubs con actividade en toda a comunidade, dos cales 49 están situados na provincia da Coruña. A maiores, Galicia conta con case un cento de deportistas de alto nivel galego vinculados a esta modalidade deportiva.
Neste contexto, o ambos dirixentes destacaron o compromiso da Xunta co desenvolvemento da patinaxe galega e lembrou que o Goberno autonómico ten xa comprometidos neste ano 2026 preto de 69.000 euros a través dun convenio coa Federación Galega de Patinaxe, así como máis de 156.000 euros destinados aos clubs que contan con deportistas de alto nivel.
Os representantes autonómicos reiteraron o compromiso da Xunta co apoio ao deporte feminino, ao deporte base e aos clubs que contribúen a proxectar Galicia a través dos valores do esforzo, o compañeirismo e a excelencia deportiva. Neste senso, o secretario xeral destacou a tendencia á alza en 2025 do número de deportistas femininas, xa que das 322.000 licencias deportivas concedidas na comunidade galega, preto de 88.000 corresponden a deportistas femeninas.