Belén do Campo participa nun simulacro de incendio forestal con afección á poboación para avaliar a coordinación dos servizos de emerxencia

A delegada da Xunta lembrou que esta actividade lévase a cabo no distrito V por tratarse dunha zona de risco con incidencia de incendios e unha alta presencia de peregrinos e veraneantes na época de estival.

O obxectivo do simulacro, no que participaron máis dun centenar de persoas, foi comprobar a coordinación dos servizos implicados cos centros de coordinación de emerxencias no caso de situacións de lume con risco para bens, persoas e infraestruturas

Fisterra (A Coruña), 28 de maio de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou esta mañá, xunto ao alcalde de Fisterra, Luis Insua; á directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Mar Ferreiro; e á directora territorial da Consellería do Medio Rural, Nieves Mancebo, nun simulacro de activación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais en Galicia (PEIFOGA), incluíndo a súa declaración de situación 2, ante un suposto incendio forestal no municipio de Fisterra.

Belén do Campo lembrou que este tipo de exercicios se desenvolven anualmente nos distintos distritos forestais galegos, atendendo ás zonas de maior risco ou con especial incidencia de incendios. O obxectivo principal é comprobar a capacidade de coordinación entre os distintos servizos implicados e os centros de coordinación de emerxencias ante situacións de lume que poidan afectar a persoas, bens e infraestruturas.

Neste sentido, explicou que a elección de Fisterra responde ao criterio de rotación territorial destes simulacros e ao interese de analizar a resposta nunha zona con elevada afluencia turística durante determinadas épocas do ano. No exercicio participaron máis dun centenar de efectivos pertencentes a distintos organismos e servizos de emerxencia.

Simulacro

O simulacro comezou ás 8:45 horas coa recepción dun aviso por un incendio forestal nunha paraxe do Monte Nave, no concello de Fisterra, nas proximidades de Fonte Sete Pichos. Segundo o escenario previsto, o forte vento de compoñente noroeste favoreceu a rápida propagación das lapas cara ao núcleo de San Martiño de Duio, obrigando a incrementar progresivamente o nivel de resposta.

Así, arredor das 10:00 horas declarouse a situación 1 do PEIFOGA, debido á afección leve a bens de natureza non forestal. A evolución desfavorable do incendio fixo necesaria a declaración da situación 2 ás 10:30 horas, nivel que se activa cando existe unha grave ameaza para bens non forestais e resulta preciso adoptar medidas de protección para a poboación.

As tarefas de extinción e protección civil prolongáronse ata as 13:00 horas, momento no que se comunicou que xa non existían núcleos de poboación ameazados e que o incendio quedaba controlado.

A delegada da Xunta explicou que, unha vez declarada a situación 2, corresponde á Delegación Territorial asumir a dirección do PEIFOGA, coordinando os diferentes órganos de mando e control, entre eles o Centro de Coordinación Operativa (CECOP) e o Posto de Mando Avanzado (PMA).

“Con este exercicio simulamos unha emerxencia real provocada por un incendio forestal para avaliar a capacidade de resposta e coordinación dos distintos corpos e servizos implicados, así como a correcta aplicación dos plans de emerxencia”, sinalou Belén do Campo.

Ademais, destacou que este tipo de prácticas permiten verificar a operatividade do PEIFOGA e a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA).

Durante o simulacro non só se desenvolveron actuacións de extinción, senón tamén outras medidas de protección civil, como cortes de estradas, evacuacións preventivas, confinamentos da poboación segundo a evolución do lume e a elaboración dunha mensaxe de alerta simulado á cidadanía a través do sistema ES-Alert, con recomendacións de autoprotección de carácter interno que non se emitirá á cidadanía.

A representante do Goberno galego incidiu en que este tipo de exercicios permiten tamén adestrar os sistemas de comunicación, mellorar a coordinación entre administracións e organismos, informar á cidadanía sobre as medidas de autoprotección e comprobar a eficacia das funcións asignadas aos órganos de dirección, coordinación e intervención.

Participantes

No simulacro participaron efectivos e medios do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, con 15 técnicos, 9 axentes forestais, 6 brigadas e 6 motobombas. Tamén tomaron parte persoal da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Axencia Galega de Emerxencias (112 Galicia e Grupo de Apoio Loxístico), membros do Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña a través do parque de Cee, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Muros, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Cruz Vermella Española cunha ambulancia asistencial  e con apoio loxístico (establecemento dun posto sanitario, montaxe dun centro de atención a cidadáns no albergue e un equipo de apoio psicosocial), a Unidade de Policía Adscrita da Policía Autonómica, a Garda Civil —cunha patrulla de Tráfico e outra do Seguridade—, a Policía Local de Fisterra e as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Fisterra, Corcubión e Cee.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2026