Medio Rural promove traballos silvícolas preventivos en máis de 10 hectáreas de monte en Noia
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe estes terreos, nos que se levan a cabo rozas, podas e rareos destinados a mellorar a súa saúde e vitalidade, así como a súa resistencia a pragas e enfermidades
Os labores están sendo desenvolvidos pola Consellería coa colaboración da Ecobrigada de Amicos, un equipo de traballo que combina a protección ambiental e a xestión forestal sostible coa xeración de oportunidades laborais para persoas con discapacidade
Ademais de actuar nestes montes de xestión pública, a Xunta ofrece tamén apoio aos particulares fronte o abandono, e así os afectados polas bandas do piñeiro dispoñen de tratamentos gratuítos e de axudas para silvicultura, dotadas con 15 M € este ano
Noia (A Coruña), 28 de maio de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, visitou hoxe varias comunidades de montes veciñais en man común de Noia nos que se están realizando diferentes tratamentos silvícolas preventivos por parte da Xunta coa colaboración da Ecobrigada da asociación Amicos. En total, as actuacións abranguen unha superficie de máis de 10 hectáreas, repartidas entre os montes veciñais de xestión pública de Boa (da comunidade homónima); San Lois e Armada (da comunidade de Beiro); San Lois (comunidade de Obre) e Liñaio, da comunidade do mesmo nome, e supoñen un investimento de preto de 45.600 euros.
A Ecobrigada de Amicos é un equipo de traballo impulsado por esta entidade que combina a protección ambiental e a xestión forestal sostible coa xeración de oportunidades laborais para persoas con discapacidade. Desenvolve actuacións de conservación, prevención de incendios e mantemento forestal en diferentes puntos de Galicia, promovendo ademais a inclusión social e laboral no ámbito rural.
As tarefas consisten fundamentalmente en rozas, podas e rareos que teñen por obxectivo contribuír, mediante a redución da competencia entre individuos, ao mantemento das masas forestais nun bo estado de saúde e vitalidade, o que propiciará tamén que sexan menos susceptibles ao ataque de pragas e enfermidades. A maior parte dos traballos realízanse en masas de coníferas (principalmente de piñeiro do país), pero tamén se actúa en masas de frondosas (castiñeiro).
Estas intervencións enmárcanse no Plan Forestal de Galicia, máis concretamente no programa de saúde e vitalidade forestal, que combina tanto as medidas silvícolas de xestión que redunden nunha correcta prevención de problemas sanitarios (caso desta actuación en Noia) como nas de seguimento e control das doenzas, cando estas aparezan.
Montes de xestión pública e de particulares
Todos estes traballos son un exemplo do labor que se leva a cabo desde a Administración autonómica nos montes de xestión pública, coa finalidade de mellorar as súas masas forestais. Neste senso, cómpre salientar que Galicia conta con máis de 1.400 montes de xestión pública, que abranguen unha superficie de case 230.000 hectáreas, representado o 15 % da superficie forestal na comunidade.
Ademais, desde a Consellería do Medio Rural ofrécese apoio á propiedade privada, fundamental para loitar contra o abandono do monte. Así, os particulares afectados polas enfermidades das bandas do piñeiro teñen ao seu dispor tratamentos gratuítos para facer fronte a esta doenza. Ao mesmo tempo, contan con outras accións como son as axudas para a silvicultura, dotadas na convocatoria deste 2026 cun orzamento de 15 millóns de euros.