A Xunta sela con CCOO, ANPE, UGT e CSIF un novo paquete de melloras na educación que amplían as acordadas en 2023 e serán efectivas desde setembro
O camiño do diálogo aberto hai máis de dous anos está a supoñer medidas en ratios, atención á diversidade, condicións de traballo ou ensino rural, entre outras
Román Rodríguez destaca a “altura de miras e capacidade de acordo” das catro organizacións asinantes para modernizar o sistema e adaptalo aos novos retos
As novas accións asinadas hoxe posibilitarán a contratación e consolidación de 400 especialistas en materia de inclusión educativa desde o vindeiro curso
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF selaron no día de hoxe a posta en marcha dun novo paquete de melloras no ensino que amplían e intensifican o alcance das medidas do Acordo de 2023 enfocadas a blindar a calidade do sistema educativo galego.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinou este venres con Borja Campos (CCOO), Julio Trashorras (ANPE), Cristóbal Salgueiro (UGT) e Rosa Silva (CSIF) estas novas accións que serán efectivas xa desde o vindeiro setembro, coincidindo co inicio do próximo curso 2026-27.
A través do dito acordo, refórzase a atención á diversidade e mellóranse as condicións do traballo do profesorado de ESO, Bacharelato, FP e Réxime Especial (como xa se fixera antes co de Infantil e Primaria) para un mellor servizo ao alumnado. O paquete completarase cun terceiro punto, o adianto da mellora das ratios en Secundaria, no que as cinco partes representadas hoxe están de acordo e que se deberá agora ratificar nunha vindeira Mesa Sectorial Docente, onde xa foron abordadas as medidas firmadas hoxe.
O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado polos membros do seu equipo encargados da negociación, destacou a “altura de miras e capacidade de acordo” de todas as partes para seguir modernizando progresivamente o ensino galego “cunha serie de medidas de carácter integral a distintos niveis que permiten responder aos novos retos froito da evolución da sociedade e da propia educación nos últimos anos”. “A contratación de máis profesorado e a mellora das condicións laborais, xunto coa baixada de ratios que xa emprendemos hai dous cursos e que imos reforzar aínda máis, son a proba de que o diálogo dá os seus froitos”, recalcou o conselleiro.
A atención á diversidade como prioridade
Precisamente, unha das medidas que arrancará en setembro é o reforzo e consolidación de 400 prazas de especialistas de Pedagoxía Terapéutica, de Audición e Linguaxe e de Orientación que se despregarán nos centros educativos ao abeiro do Plan de atención á diversidade aprobado esta mesma semana no Consello da Xunta.
“Un plan de envergadura como reflicten os 118 M€ de orzamento que leva aparellado para o período 2026-2030”, subliñou o conselleiro Román Rodríguez, que recalcou que a atención á diversidade “é unha prioridade de goberno”. Nese senso, modifícanse os catálogos de Infantil e Primaria, flexibilizando os criterios para acceder a especialistas de PT e AL, o que permitirá afianzar 150 profesionais actualmente por riba de catálogo.
No caso da ESO, contratarase a 200 PT (100 no curso 26-27 e 100 no 27-28) e 50 orientadores, que reforzarán os cadros de persoal desde o próximo mes de setembro. O paquete inclúe amplas medidas de formación, actualización normativa, revisión de estruturas e redución de burocracia para avanzar nun ensino plenamente inclusivo.
Estas medidas van reforzar aínda máis o liderado de Galicia a nivel estatal en garantir unha atención máis personalizada e súmanse ás acordadas en 2023 coas mesmas organizacións sindicais e xa en aplicación, como a ponderación do alumnado con necesidades á hora de conformar grupos que agora quere ser imitada no resto de España.
Mellor atención a alumnado e familias
Igualmente, a reconfiguración do horario docente, como resposta a un aumento da diversidade nas aulas, procura reforzar os tempos para labores de coordinación, atención individualizada do alumnado, relación coas familias, preparación das actividades lectivas e desenvolvemento doutras tarefas pedagóxicas e organizativas.
Tamén cómpre destacar as medidas de aposta polo ensino rural, mellorando os agrupamentos nos centros destas zonas cun calendario a catro cursos que en setembro chegará xa a súa terceira fase. Igualmente, as melloras na carreira profesional docente ou a redución da burocracia plasmada no Plan para a simplificación das tarefas burocráticas.
Menos estudantes por aula en cada etapa
Outra das reivindicacións atendidas é a redución do número de alumnos por aula, emprendida por Galicia a iniciativa propia mentres no conxunto de España seguen en niveis superiores. Así, en setembro completarase a adaptación de toda a etapa de Infantil á ratio de 20 estudantes (antes eran 25) e en setembro de 2027 comezará a aplicarse en Primaria, tamén de 25 a 20. Así mesmo, a Xunta e as catro organizacións presentes hoxe acordaron adiantar o descenso na ESO varios cursos, pasando de 30 a 25 en setembro de 2028. En Bacharelato, mentres no Estado a ratio é de 35, Galicia xa está en 33 e continuarán descendendo ata 30 alumnos por aula en base a este calendario.