A Xunta licita as obras de mellora das instalacións hípicas no recinto da Fundación Semana Verde de Galicia
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación dos traballos por un importe superior a 644.100 euros e as empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de xuño
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras de mellora das instalacións hípicas do recinto Feira Internacional de Galicia, xestionado pola Fundación Semana Verde de Galicia en Silleda. As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de xuño.
Cun orzamento base de licitación de máis de 644.100 euros, os traballos incluirán a creación dunha pista de última xeración composta por area de microsílice e fibras xeotextiles, equipada cun sistema de rego e drenaxe interno, o que permitirá o seu uso continuado durante todo o ano, incluso en condición climáticas adversas.
Prevese que a actuación se leve a cabo no prazo de dous meses desde o día seguinte á data de sinatura da acta de comprobación da implantación do replanteo.
A remodelación destas instalacións suporá adecualas ás esixencias actuais dos estándares internacionais de calidade e benestar animal nas pistas destinadas a albergar concursos de primeira orde, o que permitiría á Federación Hípica Galega, no marco da colaboración coa Fundación Semana Verde de Galicia, reforzar a formación dos deportistas, garantir o benestar dos animais e aumentar a presenza de Galicia na competición de alto nivel.
As instalacións hípicas da Fundación Semana Verde, situadas na zona de gandería do recinto feiral, constan dun ring principal cunha superficie útil de preto de 8.000 metros cadrados, cunha grada que permite acoller 1.500 persoas baixo unha superficie cuberta e outras 800 ao aire libre, contando con herba natural. Ademais, a isto súmase unha pista de quecemento (ring anexo) cunha superficie de area de máis de 1.000 metros, e unha zona de cortes que dispón de 92 boxes.