A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asistiu a última xornada destes cursos, que se celebraron en maio
A Xunta conclúe en San Cibrao das Viñas a primeira quenda dos cursos de condución segura para motoristas deste 2026, con ao redor de 160 participantes
Os primeiros 8 cursos do ano celebráronse en Santiago, O Porriño, Silleda e San Cibrao, e as actividades retomaranse en setembro con outra quenda de cursos en Vilalba, Vilaboa e Curtis, para os que se abrirá o prazo de solicitudes en agosto
Allegue destacou a gran demanda e acollida para estas actividades formativas, accións que combinan teoría e práctica para perfeccionar o manexo da moto e desenvolver habilidades de condución preventiva
Desde a primeira edición destes cursos no 2017, celebráronse xa 48 accións formativas, polas que pasaron máis de 1.200 motoristas
San Cibrao das Viñas (Ourense), 31 de maio de 2026
A Xunta conclúe en San Cibrao das Viñas a primeira quenda de cursos de condución segura para motoristas deste 2026, nos que participaron ao redor de 160 persoas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asistiu hoxe a unha das dúas accións formativas programadas hoxe no concello ourensán.
Allegue puxo en valor esta iniciativa que a Xunta vén desenvolvendo desde o ano 2017, e destacou a gran demanda e acollida destas actividades. Trátase de accións formativas e de sensibilización, gratuítas, que a Administración autonómica promove no marco do compromiso coa seguridade viaria e tendo en conta que os motoristas están entre os usuarios máis vulnerables nas estradas.
Así, son actividades que combinan formación teórica e práctica para perfeccionar o manexo da moto e desenvolver habilidades de condución preventiva.
Neste mes de maio celebráronse, xunto a estes de San Cibrao, un total de 8 cursos nos concellos de Santiago, O Porriño e Silleda. E en setembro retomaranse estas actividades con outros 8 cursos en Vilalba, Vilaboa e Curtis, para os que se abrirá o prazo de solicitudes en agosto.
A Xunta contratou o pasado 2025 a celebración destes cursos por dúas anualidades, cun total de 32 actividades previstas, 16 por ano, para un total de 640 participantes. Conforman unha das medidas recollidas no Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 da Xunta, co obxectivo de reducir a sinistralidade, protexer aos usuarios máis vulnerables e acadar unha mobilidade máis segura de todos os usuarios das estradas.
En concreto, desde a primeira edición destes cursos en 2017 celebráronse, xunto aos de hoxe en San Cibrao, un total de 48 cursos, con máis de 1.200 asistentes.